Eleccións Europeas 9-X

O BNG reivindica o traballo feito a favor da pesca galega en Bruxelas

Ana Miranda fai fincapé nos sectores produtivos
Xoán Carlos González, Ana Miranda e Gabriela Álvarez, esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xoán Carlos González, Ana Miranda e Gabriela Álvarez, esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).

Redondela (comarca de Vigo) acolleu na tarde-noite desta cuarta feira o último acto de precampaña das eleccións europeas do BNG antes do inicio oficial, na noite da quinta feira, da campaña, que a formación nacionalista arrancará en Compostela, na praza de Praterías. 

A candidata nos comicios do 9 de xuño, Ana Miranda, estivo acompañada polo portavoz municipal en Redondela, Xoán Carlos González, nun acto no que a defensa do sectores produtivos foi un dos eixos das intervencións. A candidata nacionalista lembrou onte a importancia de que a Galiza teña voz en Bruxelas, indicando que esa "voz propia só lla pode dar o BNG, como demostrou na Eurocámara ao longo destes anos". 

"Escano de país"

Ana Miranda afirmou que se de cuestións como a "dureza do traballo do mar, dos problemas das mariscadoras e da pesca artesanal galega e dos problemas de saneamento non só se fala en Galiza, tamén se ten falado no Parlamento Europeo é grazas ao nacionalismo".

"Porque o BNG levamos á Eurocámara delegacións do sector do mar, entre outras moitas, para que sexan escoitadas, para que poidan facer as súas propostas alí onde se toman as decisións", manifestou Ana Miranda. 

“Fronte a un Partido Popular desesperado, que se une coa ultradereita e se dedica a insultar a medio millón de galegas e galegos, o BNG ten propostas de futuro e achega iniciativas para construír unha Galiza mellor e para defender o noso país”.

“Por iso a Galiza precisa dunha voz propia para que os seus problemas cheguen ás instancias europeas. E temos que sentirnos moi orgullosas de que isto sexa así”, resumiu a eurodeputada nacionalista.

Segundo explicou Miranda, “co noso traballo aspiramos a ser a voz da Galiza en Europa e mellorar a vida das persoas para atopar solucións, para reducir as desigualdades, para combater a discriminación, para facer e deixar un mundo mellor”, así como para “defender os intereses do pobo galego fronte os lobbies".

Comentarios