O BNG recorrerá a "todas as vías legais" ante o "veto" na comisión de investigación

Até en dúas ocasións afirmou esta terza feira portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que recorrería "a todas as vías legais ao noso alcance" se o PP "non levanta o veto na comisión" que investiga os contratos da Xunta da Galiza. Fíxoo no Parlamento, durante a sesión de control ao presidente, Alfonso Rueda, que acusou a formación nacionalista de querer facer "un xuízo paralelo" a Alberto Núñez Feixoo a través desta comisión de investigación.
combo-web
Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, onte, durante a sesión de control no Parlamento da Galiza. (Foto: Parlamento da Galiza)

Ana Pontón avanzou esta terza feira que o BNG usará “todos os mecanismos e todas as vías legais” ao seu alcance para defender o seu "dereito" e "deber" como deputados e deputadas a exercer o control sobre o Goberno, "se o PP non levanta o seu veto na comisión de investigación sobre os seus 'chanchullos' na contratación pública". A imposición por parte do Partido Popular do seu plan de traballo para unha comisión de investigación cuxa creación intentou vetar no seu día centrou parte da sesión de control ao presidente, que se adiantou un día por mor da viaxe institucional de Alfonso Rueda ao Brasil. Para Pontón,  o PP está nunha "deriva autoritaria e antidemocrática" que se plasma no seu veto a que nese órgano de investigación comparezan persoas solicitadas pola oposición.

“Alguén se imaxina que nun xuízo se impida comparecer aos principais implicados e só se escoiten as testemuñas dunha parte?”, cuestionou a líder nacionalista, para concluír a continuación que isto é precisamente o que están facendo os populares. “E todo para salvar o señor Alberto Núñez Feixoo de ter que explicar os contratos a dedo á empresa da súa irmá; todo para salvar o soldado Ryan”, denunciou Pontón.

Eulen, a compañía dirixida na Galiza pola irmá do ex presidente da Xunta, Micaela, recibiu 1.311 contratos "a dedo" por valor de cinco millóns de euros entre os anos 2018 e 2023, período ao que alude o BNG dado que, recalcou, o PP segue incumprindo a Lei de transparencia e "segue sen publicar todos os contratos a dedo realizados desde o ano 2013". “Iso é do que estamos falando e todo isto é o que vostedes queren ocultar”, reprochou a Rueda, ao que preguntou porque ten tanto “pánico a que se investigue".

Alfonso Rueda, na súa réplica, cualificou de "cantidade de barbaridades" os argumentos da nacionalista. "A que van ir aos tribunais?", preguntoulle, afirmando que o informe xurídico da Cámara galega avala "o plan de traballo da comisión".

Venezuela e Cuba

O titular da Xunta criticou que o BNG fale de "calidade democrática" cando, dixo, "son os únicos que explicitamente apoiaron o pucherazo de Nicolás Maduro en Venezuela". Non foi Venezuela o único país que citou Rueda na sua resposta a Pontón, pois a seguir afirmou que cuestións como unha comisión de investigación "non pasan en Cuba".

Para o presidente galego, o que a oposición procuraba facer con esta comisión de investigación era unha "comisión de difamación", un "xuízo paralelo" a Núñez Feixoo. "Desde que dispararon a bala de prata da comisión de investigación intentan detonala", concluíu.

Violencia machistafonte

Pola súa parte, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, empregou a súa intervención para urxir Alfonso Rueda a "volver unir igualdade e loita contra a violencia machista" nunha Secretaría Xeral, órgano suprimido polo novo Goberno galego. Besteiro reprochou os pactos no Estado do PP con Vox e afirmou  que os "bandazos" dos populares coa violencia machista provocan "unha realidade terríbel": que "23% dos mozos e 13% das mozas consideran que a violencia de xénero é un invento ideolóxico". "Actúen con determinación contra a violencia machista", demandou o socialista, que instou Rueda a "explicar" que fai a Xunta para "atallar esta lacra".

Para Alfonso Rueda, o PSdeG fai da violencia machista "unha cuestión partidista", cando o que hai que facer é "unirse todos os grupos". A seguir,  cargou contra o Goberno español por leis como a do "si é si", que "puxo na rúa delincuentes sexuais". Para pór o ramo, avanzou que Galiza será "pioneira" no Estado español en ter unha lei específica para combater a violencia dixital en 2025.

Comentarios