BNG recoñece os “malos resultados” mais empraza a traballar “desde xa” para derrotar o PP en outubro

Ana Pontón agradece ás persoas que “nun escenario totalmente adverso” apostaron co seu voto en “manter en pé o proxecto nacionalista”.

bng campaña

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, compareceu perante os medios arroupada pola Executiva Nacional da formación e membros de BNG-Nós Candidatura Galega. Rostros serios, de circunstancias para uns resultados que a propia Pontón recoñeceu sen ambaxes como “malos”. Mais a mensaxe que transmitiu a portavoz nacional na súa intervención foi, partindo de recoñecer eses malos resultados, poñer en valor o “proxecto nacionalista” por necesario para este país e emprazar a non caer en desánimos e derrotismos para traballar “desde xa” para vencer o PP en outubro, a cita coas eleccións galegas. “Non nos enrugamos ante as dificultades”, manifestou, para apontar que segue vixente a necesidade “dun proxecto para Galiza”, unha “alternativa sen dependencias de Madrid”.

"Fixemos un esforzo por galeguizar a campaña, mais eramos David contra Goliath"

Pontón comezou a intervención dando “grazas de corazón” a militantes, simpatizantes e a todas aquelas persoas que este 26X escolleron a papeleta do BNG. “Grazas por, nun escenario tan adverso, manter en pé o proxecto nacionalista”. Destacou o traballo do BNG “por galeguizar a campaña” nun contexto no que “eramos David contra Goliath” perante unhas eleccións que se presentaron, dixo, como presidenciais e cun “menú perecociñado a catro”.

“A campaña galega comeza hoxe”

O 26 de xuño finalizan as eleccións españolas mais comezan as galegas. A portavoz nacional enfatizou esa idea ao afirmar que “a campaña galega comeza hoxe” e instou a traballar “para que o BNG sexa decisivo” non só en desaloxar o PP da Xunta senón tamén para que haxa “un cambio real na Galiza”, afirmando que a “política que precisa Galiza pasa por actuarmos como nación”. Fixo un chamamento a todas as persoas nacionalistas para sumar ao proxecto do BNG e apelou a “nestes tempos complexos”, ter “confianza en nós como pobo”. 

Comentarios