O BNG reclama sancións para as eléctricas por baleirar os encoros

Noa Presas reclama no encoro de Cinza sancións para as compañías eléctricas por baleirar os encoros, ao tempo que pide as Administracións que interveñan para forzalas a encherlos novamente 
Acto simbólico levado a cabo polo BNG no encoro de Cenza.
photo_camera Acto simbólico levado a cabo polo BNG no encoro de Cenza.

O BNG organizou hoxe unha acción simbólica no encoro de Cenza (Vilariño de Conso) na que reclamou a impiosición de sancións ás compañías eléctricas responsábeis do baleirado dos encoros galegos e "unha intervención pública inmediata para forzar estas empresas a corrixir a situación e incrementar a cantidade de auga" embalsada.

O acto, encabezado pola portavoz parlamentaria de Enerxía, Noa Presas, a quen acompañaron distintos cargos políticos e militantes do BNG na comarca de Monterrei, serviu para denunciar a extrema situación deste encoro e do de Portas, no mesmo termo municipal, que presentan unha ocupación de 15%, cando o normal por estas datas é que estean nun 50 e nun 75%, respectivamente.

"Estamos hoxe aquí, nun encoro que vive unha situación inédita, xa que nestes momentos está practicamente baleiro polo espolio, polo roubo, das grandes empresas enerxéticas como Iberdrola", explicou Presas para denunciar a continuación que "este verán estamos vendo non só como cada día se bate un récord no prezo da luz, senón que, por riba, as eléctricas está deixando territorios enteiros coma este practicamente destruídos baixando o nivel de auga a límites insospeitados e sen pensar nas consecuencias".

Neste sentido, a deputada nacionalista advertiu de que o baleirado dos encoros golpea na forma de vida dos veciños e das veciñas, dana o medio ambiente e afecta a actividades como a pesca, o turismo ou o deporte acuático. "Mesmo nos están poñendo nun momento perigoso, con altas temperaturas en zonas ademais de alta actividade incendiaria e sen garantir que, por exemplo, diante dun incendio, os medios de extinción poidan cargar auga se é preciso", alertou.

Implicación das Administracións

Para Presas esta situación “é intolerable”, polo que reclamou a Xunta e Estado "que deixen de mirar para outro lado e de permitir esta impunidade coa que funcionan as eléctricas". "Exiximos, en primeiro lugar, sancións e, en segundo lugar, unha intervención pública inmediata para forzar a estas empresas a corrixir isto, a que incrementen a cantidade de auga nos encoros e a que o fagan de forma inmediata para evitar que o dano sexa maior", afondou.   

O BNG recorda que Ourense concentra 25 dos 45 grandes encoros de gran hidráulica que hai en Galiza, un claro exemplo de como a expansión enerxética sen unha planificación acorde coas necesidades da poboación e cos intereses galegos levou a desertizar unha parte importante do país e non serviu para fixar poboación

Así mesmo, a organización nacionalista apunta á necesidade de mudar o sistema de fixación do prezo da enerxía eléctrica, que debe depender dos custos recoñecidos a cada tecnoloxía e, nesta liña, exemplifica co acontecido este xoves pasado, onde a enerxía hidráulica foi a que marco o prezo máximo do megavatio en moitas franxas do día e, malia que a produción ronda os tres euros, foi vendido a 118,99 € megavatio/hora. 

Comentarios