O BNG recea de que o PP "especule" coas competencias no litoral galego
O BNG expresou esta cuarta feira o seu temor por que a Xunta da Galiza empregue as competencias sobre a costa, que asumirá o vindeiro 1 de xullo, para "especular" e dar un "gran pelotazo" urbanístico e turístico no que participen "persoas próximas e militantes do PP".
Nunha rolda de prensa desde o Parlamento, o deputado nacionalista Luís Bará celebrou que Galiza vaia a contar con estas competencias e amplíe "outras que están pendentes", mais pediu "rebaixar o nivel de euforia que está a mostrar" o PP nesta materia porque é a primeira competencia gañada en 16 anos.
Así mesmo, o Bloque recea das intencións do Goberno galego co litoral, dados determinados antecedentes. En concreto, referiuse aos informes favorábeis que outorgou para que o Goberno de Mariano Raxoi concedese a prórroga á prórroga da concesión de Ence en Pontevedra; e á previsión -tombada polo Tribunal Constitucional- que recolleu a lei de medidas que acompañaba aos orzamentos do ano 2023 e que limitaba a 15 anos a actuación contra as construcións ilegais na costa.
Negocio hostaleiro
Diante isto, para os nacionalistas "o principal problema" que pode xurdir con estas competencias é "o plan B" que ten o PP, pero que "non expresa publicamente", de promover unha rede de establecementos turísticos neste espazo.
Esta rede, tal e como prevé o texto da lei de ordenación do litoral, "crearase a partir da recuperación ou rehabilitación de edificacións preexistentes, de especial valor arquitectónico, histórico ou cultural da Galiza”. Polo tanto, o BNG denuncia que este proceso busca "pór no mercado" bens e edificacións. Neste plan, así mesmo, "participan persoas próximas e militantes do PP que están metidas no negocio hostaleiro".
