O BNG propón aumentar en 15 millóns de euros o orzamento do SAF

Xuntanza de Alcaldías e responsábeis municipais do BNG, esta segunda feira no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
Alcaldías e responsábeis municipais do BNG reuníronse esta segunda feira en Santiago de Compostela para analizar alternativas á situación dos SAF da Galiza, que cualifican como "insostíbel". 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que o BNG presentará unha emenda aos Orzamentos de 2026 para incrementar en 15 millóns de euros a partida destinada ao servizo de axuda no fogar (SAF). Segundo a formación nacionalista, este incremento permitiría aumentar de 12 a 17 euros a hora de servizo, de maneira retroactiva desde xaneiro de 2025, co obxectivo último de que o financiamento do SAF se sitúe de maneira progresiva nos 20 euros/hora en 2027.

"O obxectivo é, tal e como recolle a Lei de dependencia, que o sostemento económico do SAF sexa financiado integramente pola Xunta da Galiza e o Estado español, que son os responsábeis de financiar este servizo e non os concellos, como está a pasar na actualidade", afondou Pontón logo da reunión que mantivo esta segunda feira na capital galega con alcaldesas, alcaldes e responsábeis municipais do BNG para abordar as "dificultades" que teñen os concellos á hora de soster un servizo que cualificou como "prioritario e básico para a atención das persoas maiores nos seus fogares", e que, advertiu, atópase nunha situación de "quebra técnica".

Pontón denunciou así que o SAF non recibe o financiamento "necesario e obrigatorio por lei" dun "Goberno do PP que está descargando esta responsabilidades nos concellos, que xa teñen unhas finanzas locais moi minguadas". Para Pontón, a situación do SAF é "insostíbel", mentres "o Goberno de Rueda mira para outro lado", pois o Executivo galego "só achega nestes momentos 12 dos 23 euros/hora que custa o servizo".

Xestión pública

Con críticas á "privatización do modelo de coidados" que "converte a vellez nun negocio", e lembrando os recentes casos de "maltrato" rexistrados en centros de maiores privados de Amoeiro, Xinzo de Limia ou Monforte, Ana Pontón propuxo medidas alén de incrementar en 15 millóns os fondos do SAF para 2026. Entre elas, que a Xunta asuma a xestión do servizo, integrándoo no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, ao igual que están a rede de escolas infantís, os centros de día ou as residencias que integran este organismo público.

Aliás, Pontón defendeu a creación dun "Sergas social", un Servizo Galego de Benestar concibido como "unha rede pública de coidados".