O BNG consegue en Noia, após a moción de censura, reducir o gasto político en 60.000 euros

A redución nesta partida, froito do acordo para a investidura do novo Executivo local, destinarase a licitar un servizo municipal de limpeza viaria.

Mari Insua e Ricardo Suárez, edís do BNG en Noia. (Foto: Nós Diario)
Mari Insua e Ricardo Suárez, edís do BNG en Noia. (Foto: Nós Diario)

Unha vez decorrida esta cuarta feira a Comisión Informativa previa na que se deu conta dos novos cambios na organización do Concello de Noia, os grupos municipais votarán na sesión plenaria extraordinaria do vindeiro 1 de setembro unha serie de acordos que suporán "os primeiros pasos para a redución do gasto político", unha exixencia que foi incluída no acordo de investidura asinado por parte do BNG e do PSdeG.

Así, a redución do gasto político en 2026 desde os 355.000 euros actuais até unha partida de 295.000 euros servirá para sufragar o cumprimento doutro dos acordos incluídos no pacto para a investidura do novo Executivo local, estabelecer un Plan de xestión da vexetación e de limpeza tanto no centro urbano como nas parroquias do municipio, así como a licitación deste servizo para evitar a contratación menor e a falta de eficiencia actual no investimento.

Desta maneira, e "co convencemento de que o novo Goberno municipal deberá apoiar esta proposta do BNG" por estar incluída no pacto de investidura, a formación nacionalista levará á próxima sesión ordinaria do pleno da Corporación un acordo para a licitación do servizo de limpeza viaria e xestión da vexetación, unha encomenda na que traballará conxuntamente co Executivo coa intención de que esta "sexa unha realidade de cara a xaneiro de 2026".

"A redución do gasto político en 60.000 euros anuais de cara ao próximo exercicio suporá unhas contas moito máis razoábeis e permitirá contar cun servizo de limpeza recorrente e durante todo o ano que acabe coa desidia do bipartito entre o PP e o NO.I.A.", trasladou o portavoz do BNG de Noia, Ricardo Suárez, quen tamén avanzou que comunicará ao novo Goberno a intención de levar a cabo este plan na próxima reunión de seguimento do pacto.

Aforro no gasto no presente exercicio

A maior parte do aforro no gasto político do Concello de Noia quedará implementado desde o comezo de setembro, posto que os grupos municipais votarán no pleno que terá lugar o primeiro día do mes os salarios do novo Executivo local, que suporán unha redución de 35.000 euros anuais. Ademais, a redución do gasto nas Xuntas de Goberno local suporá un aforro adicional de 14.000 euros, mentres que no caso das Comisións Informativas será de 8.000.

O resto do aforro en gasto político virá da man do próximo orzamento de 2026, no que o BNG xa chegou a un acordo co Goberno municipal para reducir as partidas de asignacións aos grupos municipais e de persoal eventual en máis de 6.000 euros cada unha. En suma, e tendo en conta algúns axustes polo número de edís que recibirán a compensación por cada pleno, o aforro total acordado quedará fixado nunha contía de 60.000 euros por exercicio.

Comentarios