O BNG propón un confinamento de dúas semanas de non se frear a curva da terceira onda

“É unha medida moi dura, pero hai que poñela sobre a mesa ante a escalada de contaxios, hospitalizacións, ingresos en UCI e falecementos”, manifesta a portavoz nacional, Ana Pontón.

Ana Pontón, nunha rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, nunha rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

O BNG considera que hai que tomar “medidas valentes” ante un escenario no que a terceira onda da Covid está en parámetros similares aos da primeira, con dados de contaxios, presións hospitalarias, falecementos e hospitalizacións “inasumíbeis”.

E entre estas medidas “valentes” o Bloque sitúa tamén “un confinamento total de dúas semanas se a curva non se aplana de modo inmediato nos próximos días”.

“As restricións non están a ser efectivas nin suficientes e por iso pedimos que se tomen medidas valentes e damos ese paso cunha proposta contundente: se nos próximos días non se logra aplanar a curva, senón se logra frear o ritmo de contaxios, hospitalizacións e falecementos, pedimos ao Goberno da Xunta e ao Goberno do Estado un confinamento, un confinamento que permita frear a cadea de contaxios e salvar vidas”, demandou a portavoz nacional, Ana Pontón, en rolda de prensa.

“A ninguén lle gusta o confinamento, é unha medida moi dura, pero hai que poñela sobre a mesa canto antes se os datos non melloran de xeito substancial e inmediato. Porque o que non é asumible é esta escalada do virus”, explicou a líder nacionalista, subliñando que houbo un confinamento en marzo “con cifras menores”.

Pontón falou da “falaz” dicotomía saúde-economía, recalcando que canto antes se controle a crise sanitaria antes se poderá levar a cabo a reactivación económica.

De feito, indica o BNG, estudios académicos demostran que o custe en vidas é menor e que a economía sofre a metade con medidas duras. “Vemos o desastre do enfoque economicista de Salvar o Nadal, porque non salvou a economía e por contra disparou a terceira onda impactando de cheo na economía e no emprego”, alegou.

Neste contexto, Pontón propón superar as medidas “brandas” e ir a un confinamento no que se habiliten axudas para manter o emprego e a actividade económica durante o tempo que duren as restricións, utilizando para iso unha parte dos 70.000 millóns de euros dos fondos europeos e os orzamentos expansivos da Xunta e Goberno estatal.

Finalmente, nese control da COVID, o BNG considera clave o Plan de vacinación polo que Pontón insiste en que o presidente da Xunta debe explicar no Parlamento cal é a estratexia, a loxística e os medios para levar a cabo un proceso sen precedentes na sanidade pública.

Comentarios