O BNG pide 'blindar' por lei que a Atención Primaria reciba 25% do orzamento total de Sanidade, como recomenda a OMS
O BNG propón blindar por lei que a Atención Primaria reciba 25% do orzamento total da Consellaría de Sanidade, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), co fin de "garantir o dereito á saúde de todos os galegos e galegas" a través dun servizo "libre de recortes e listas de espera e cos recursos materiais e humanos que precisa".
A formación nacionalista tamén reclama, nun comunicado remitido aos medios este domingo, recuperar as "catro áreas sanitarias eliminadas polo PP" e que transformou nos denominados “distritos sanitarios” da Mariña, O Salnés, O Barco e Monforte.
A encargada da área de Sanidade do BNG, Montse Prado, acusa o Executivo de Alfonso Rueda de ter a Atención Primaria "infradotada" e "á cola do Estado, con 11,79%", xa que "só Madrid está por detrás de Galiza no investimento nesta área", segundo os datos do Ministerio de Sanidade de 2021, que sitúan a media estatal en 14,17%.
“As políticas sanitarias do Partido Popular nos últimos 15 anos na Xunta deixan a Primaria secundarizada, desprestixiada e minusvalorada, con listas de espera de semanas, e 201 concellos da Galiza sen un só pediatra”, denuncia, salientando que este primeiro nivel asistencial “resolve entre 80% e 90% dos problemas de saúde”.
“Está máis que demostrado que unha Atención Primaria ben dotada garante unha poboación máis sá, mellor atendida e a menor custo”, ademais de “garantir a igualdade diante da enfermidade”, de forma que a atención sanitaria non dependa “da tarxeta bancaria”, salienta Prado.
O BNG defenderá no Pleno desta semana, a través dunha proposición de lei, que se fixe en 18% o investimento en Atención Primaria nos orzamentos da Consellaría para 2025 e 21 % nas contas de 2026, asegurando, deste forma gradual, o obxectivo de blindar por lei 25% como mínimo no exercicio de 2027.
Segundo Prado, trátase dunha proposta “necesaria” para cumprir coas recomendacións da OMS e ter "orzamento suficiente para máis persoal, para equipos multidisciplinares, para a introdución de novas categorías e para a posta en marcha das carteiras de servizo, así como a introdución de Psicoloxía Clínica e outras categorías para garantir a correcta atención das persoas con problemas de saúde mental”, subliña. Un orzamento que tamén sexa quen de “rematar coa precariedade laboral”, engade.
Unha Primaria "con capacidade de planificar e decidir"
Para a deputada nacionalista, a Primaria debe ademais ter a capacidade de planificar e decidir. Por iso, o BNG pide unha xerencia de Atención Primaria “en pé de igualdade coa atención hospitalaria”, con capacidade para xestionar os orzamentos e os recursos humanos, onde os sete distritos se convertan en áreas sanitarias, “a empezar polos catro suprimidos polo PP”, aclara Prado, incluíndo ademais O Barbanza, Cee e Verín.
Montse Prado advirte que unha atención ben dotada non só debe atender o inmediato ou urxente, “como está acontecendo”, senón tamén “promover a saúde, previr a enfermidade, facer seguimentos crónicos, evitando as listas de espera, que as persoas teñan que acudir a Urxencias, a hospitalización ou a cronificación da enfermidade”.
