O BNG pon en valor os seus 20 anos de presenza no Congreso: “É o voto útil do pobo galego”

Ex-deputados nacionalistas nas Cortes españolas participan no acto do Bloque coa mocidade, onde defenden o valor para Galiza do traballo desenvolvido alí nestas dúas décadas.

Ex-deputados do Congreso no acto coa mocidade en Vigo (2) (1)

O BNG pon en valor os seus 20 anos de presenza no Congreso español como un exemplo do compromiso e traballo a prol de Galiza sen atadura ningunha. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón manifestou no transcurso dun acto coa mocidade no que participaron ex-deputados do BNG nas Cortes españolas, que nestas dúas décadas “a presenza do BNG serviu para que Galiza aparecese no escenario estatal e sabemos que ter voz no Congreso é importante non só para que se fale dos nosos problemas senón para acadar a súa solución e  o noso país avance”,

Pontón reiterou que nun contexto sen maiorías absolutas os deputados do BNG serían determinantes tanto para despexar a dereita do goberno como para impulso de políticas ao servizo da maioría social e de Galiza.

No acto interviron ex-parlamentares nacionalistas no Congreso. Como Francisco Rodríguez, que destacou que a presenza do BNG nesa institución supuxeron que “Galiza existise no Congreso de maneira contundente”. Guillerme Vázquez afirmou que “o  voto útil do  pobo galego para combater as políticas de dereitas e con perspectiva de país, está no BNG”. A ex-deputada Olaia Fernández Davila destacou o traballo político do Bloque Nacionalista Galego, tanto no Congreso como no labor social a pé de rúa.

Francisco Jorquera, de por parte, tamén aludiu ao traballo realizado e puxo como exemplo que nos orzamentos do ano 2009, o BNG tivo un papel decisivo para a súa aprobación mais a cambio deste apoio, “Galiza elevou o seu investimento máis do 8% e foron transferidas cinco competencias mentres que dende que goberna Feijóo, as competencias transferidas a Galiza foron cero”. 

Comentarios