O BNG fixa como "liña vermella" nos pactos locais "non favorecer" gobernos do PP

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante a noite electoral. (Foto: César Arxina / Europa Press)
BNG e PSdeG acordaron esta semana "favorecer" alternativas aos conservadores alá onde for posíbel.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixou esta cuarta feira como "liña vermella" nos pactos locais, tras os resultados das eleccións municipais do pasado 28 de maio, "non favorecer" gobernos do PP, agás onde esta formación obtivese maioría absoluta, e buscar, para iso, "gobernos alternativos" aos conservadores.

A preguntas dos xornalistas, defendeu que, a partir de aí, son unha organización que "dá liberdade ás súas asembleas locais e grupos municipais para encarar o proceso de negociación" en cada unha das corporacións.

"Imos traballar en cada un dos concellos, pensando no ben da maioría social para construír políticas útiles", recalcou Pontón, quen insistiu en que "entrar ou non nos gobernos municipais son decisións que tomarán as asembleas locais", pero sempre co obxectivo de favorecer "gobernos alternativos" ao PP.

E de cara a conformar eses pactos, esta segunda feira unha delegación de representantes de PSdeG e BNG acordou promover polo país adiante esas "alternativas" de goberno ao Partido Popular alá onde sumen maioría os edís nacionalistas e socialistas, facilitando mutuamente as respectivas investiduras.

A "voz" da Galiza nas estatais

Por outra parte, e a respecto das eleccións estatais do vindeiro 23 de xullo, a líder nacionalista dixo que son unha "oportunidade" para que a Galiza "gañe peso político" e teña "capacidade real" desde Madrid nas decisións que afecten o país.

"Hai quen quere que estas eleccións sexa un debate a dous, e isto non vai do bloque de Sánchez e Feixoo, isto vai do bloque da Galiza, o que nos xogamos é ter capacidade de decisión", sentenciou. "Somos a garantía de que Galiza teña peso", manifestou Pontón, quen insistiu no obxectivo de ter "máis voz en Madrid".