O BNG insta o Goberno español a reformar o sistema eléctrico

Rego pide topar os prezos da electricidade.
Rolda de prensa do nacionalista Néstor Rego no Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa do nacionalista Néstor Rego no Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Goberno estatal que adopte "medidas valentes" fronte á suba dos prezos da electricidade. O deputado nacionalista emprazou o Executivo español  a prorrogar a rebaixa no IVE de 5% na factura da luz tamén en 2024, unha medida que ten data de caducidade para 31 de decembro vindeiro. 

Aliás, Rego manifestou que se fan "precisas reformas estruturais no sistema eléctrico", como ser a de topar os prezos ao consumo final, a eliminación do mercado marxinalista ou dar pasos de cara á unha Tarifa Eléctrica Galega.

Considera que “non é o momento de eliminar a rebaixa fiscal na factura da luz. Cremos que a situación de suba de prezos é un argumento suficiente para que o Goberno decida xa ampliar a aplicación destas rebaixas fiscais”. Mesmo, puntualiza, “é o momento de converter en definitiva a aplicación do IVE superreducido á luz e avanzar con outras medidas valentes no ámbito do sistema eléctrico”.

Suba de 7 euros mensuais

“A finalización das rebaixas fiscais no recibo de electricidade preocupa os consumidores, especialmente as maiorías sociais e colectivos vulnerábeis, porque de se recuperar o IVE habitual de 21%, unida á suba a 5,1% do imposto especial, as facturas da luz experimentarán un encarecemento significativo.

O recibo pode verse incrementado máis de 7 euros mensuais, independentemente da tarifa contratada”, advertiu o nacionalista.

Máis alá do IVE, Néstor Rego defende “ir á raíz do problema, acometendo reformas estruturais no mercado eléctrico”, e menciona a necesidade de modificar o mercado marxinalista e crear empresas públicas de enerxía. Sen esquecer a necesidade de que Galiza conte cunha “tarifa eléctrica galega como país produtor excedentario de enerxía eléctrica”. Demanda tamén a retirada dos cargos e peaxes que non “teñen unha relación directa coa produción ou a distribución de enerxía eléctrica da factura da luz”.

Comentarios