VALORACIóN DOS RESULTADOS DO 20D

Vence anuncia unha “reflexión profunda” sobre o proxecto nacionalista

O portavoz nacional di que a partir de xaneiro decorrerán asembleas abertas para que as bases “e a cidadanía en xeral” poidan transmitir opinións e achegas para “reforzar” o nacionalismo. En marzo toca Asemblea Nacional ordinaria, prevista no calendario. 

xavier vence
photo_camera xavier vence

O BNG vai levar adiante unha “reflexión profunda” sobre o proxecto nacionalista, unha reflexión que permita “reinventar” as propostas do nacionalismo de cara a liderar unha alternativa “aberta, inclusiva e con vocación maioritaria” para este país. Así o manifestou esta terza feira o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, na comparecencia para dar conta da valoración da Executiva nacional dos resultados do 20-D.

Os ritmos desa reflexión comenzarán en xaneiro, anunciou, a través de asembleas abertas “por todo país”, asembleas nas que tomen parte militantes, simpatizantes e todas aquelas persoas que así o desexen para “reflexionar” sobre a situación política e o proxecto nacionalista- Vence anunciou que esa reflexión non debe limitarse unicamente aos resultados do 20-D, que recoñeceu que ficaran “moi por baixo das expectativas”. Debe abranguer “a tendencia que traemos nestes anos”, en referencia ao devalo de perda de apoios electorais. En marzo, segundo o calendario debullado polo portavoz nacional, tocaría Asemblea Nacional, de carácter ordinario.

Vence reafirma a necesidade dun proxecto nacionalista autónomo "e non supeditado a forzas estatais"

A necesidade dun proxecto nacionalista para Galiza autónomo e “non supeditado a forzas estatais” non está en discusión, aclarou o portavoz, que incidiu en que “é imprescindíbel para este país”. Animou a correxir o que faga falla e a debater e analizar “ de onde vén” este proxecto, “onde está” e “cara a onde quere ir”. E facelo sen agobios: “Sería un equivocación moverse a golpe de eleccións”. A finalidade, sentar as bases “dun proxecto nacionalista que aspire a gobernar este país”.

Sen desculpas

A comparecencia comezou cunha valoración dos resultados, unha valoración na que Xavier Vence non empregou panos quentes. “Foron uns resultados moi por baixo das expectativas”, recoñeceu, sobre todo nas cidades e mesmo sendo conscientes das dificultades que se afrontaban nesta campaña. Dixo que hai unha campaña dos poderes económicos e mediáticos por un mapa político centralizado, cada vez máis en “chave estatal” e cun sistema de partidos “a catro” como alicerce, en referencia a PP, PSOE, Podemos e Cs. Mais que iso non pode desculpar uns resultados “malos” que obrigan a abrir as portas cara a “reinventarse”.

Xavier Vence parabenizou En Marea polos seus 6 deputados no Congreso, tendo unha mención especial con nome e apelidos para Miguel Anxo Fernán Vello e Alexandra Fernández, os electos de Anova para as Cortes españolas.

Comentarios