O BNG impulsa no Parlamento unha condena á "guerra absolutamente ilegal" dos Estados Unidos e Israel

"Estamos diante dunha guerra absolutamente ilegal porque é unha violación do dereito internacional e un incumprimento flagrante da Carta das Nacións Unidas", advirte Olalla Rodil.
Rodil,  acusou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de levar dous anos de lexislatura gobernando para os intereses partidistas de Feixoo. (Foto: Nós Diario)
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario)

O BNG impulsará no Parlamento galego unha condena á “guerra absolutamente ilegal” iniciada polos Estados Unidos e por Israel en Oriente Próximo, unha “agresión militar inxustificada e contraria ao Dereito internacional que pon en risco a vida da poboación civil e supón unha ameaza á seguridade internacional”.

“Estamos diante dunha guerra absolutamente ilegal porque é unha violación do dereito internacional e un incumprimento flagrante da Carta das Nacións Unidas”, asegura a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, quen enmarca os ataques perpetrados en Oriente Próximo nun “plan sistemático do imperialismo liderado por Washington e os seus aliados, nomeadamente o Estado sionista de Israel, que leva pouco máis de un ano bombardeando case unha ducia de países en catro continentes”.

O BNG considera, engadiu a deputada, que “Estados Unidos e Israel son o principal foco de desestabilización global e unha ameaza directa para o multilateralismo e a legalidade internacional”, como se vén demostrando, asegurou, "coa súa intervención en Venezuela ou o xenocidio en Palestina", mais tamén "en Siria, Iraq, Irán, Nixeria, Iemen, Somalia, Catar, Líbano e Tunisia", ou co “criminal” bloqueo a Cuba.

É por iso que a formación nacionalista, como organización “pacífica e pacifista”, impulsará no Parlamento unha condena “clara e contundente” da guerra “ilegal, inxustificábel e inxustificada” iniciada en Oriente Próximo, que é "contraria ao Dereito internacional" e que “representa unha ameaza para a paz e a seguridade no mundo”.

Na súa iniciativa parlamentaria, o BNG pide ademais tanto á Xunta, como ao Goberno de España e ás autoridades da Unión Europea que adopten as "medidas necesarias para frear a escalada bélica". “Pedimos medidas reais e non slogans”, advirte a viceportavoz do BNG, que, neste punto, reclama ao Goberno do Estado que non acepte participar en “ningún tipo de intervención militar” e, polo tanto, dea marcha atrás no envío da fragata Cristóbal Colón ás augas de Chipre. O Bloque defende así mesmo o impulso da vía diplomática para recuperar as negociacións políticas en aras dunha solución pacífica para o conflito, tal e como subliña Rodil.

Na iniciativa rexistrada no Parlamento, o BNG, que defende a saída da OTAN, avoga ademais por rexeitar “con firmeza” as ameazas de Trump e por que o Goberno español proceda a fechar as bases militares estadounidenses de Morón e Rota, “pondo fin de maneira definitiva á presenza militar norteamericana en territorio español”.

Comentarios