O BNG exixe á Xunta aumentar o financiamento do SAF até os 17 euros a hora de forma "inmediata": "A situación é límite"
A portavoz de Política Social do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, urxiu a Xunta da Galiza a incrementar de forma "inmediata" o financiamento que reciben os concellos polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF) até os 17 euros a hora e, despois, aumentalo progresivamente até os 20.
"A situación é límite e quen sofre as consecuencias son as persoas dependentes e tamén as traballadoras do SAF", advertiu este sábado a representante da formación nacionalista, quen tamén denunciou que os municipios están a asumir case 50% do custo "sen que lles corresponda".
"O PP leva enredando desde hai case dous anos aos concellos con esta cuestión, prometéndolles un financiamento que nunca chega", censurou Rodil, que acusou o Goberno galego de recortar o orzamento mediante modificacións de crédito e de "substituír" o servizo por "axudas asistencialistas", nunha afirmación en alusión ao Bono Coidado.
Deste modo, a proposta do BNG para o SAF pasa por que a Xunta incremente "de forma inmediata" e con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2025 o financiamento, achegando 17 euros a hora e aumentando progresivamente a cantidade para chegar aos 20 euros a hora o próximo ano.
Segundo lembrou, o Executivo liderado por Alfonso Rueda "só achega 12 dos 23-24 euros a hora" que custa prestar o servizo de atención no fogar. Así mesmo, tamén exixiu ao Goberno español que cumpra a Lei de Dependencia e achegue o outro 50% que lle corresponde en materia de financiamento do SAF.
Ademais, a tamén viceportavoz parlamentaria apoiouse na perda de perto de 1.700 usuarios e usuarias do SAF en 2025, recollida en datos do Imserso, para visibilizar que se trata dun servizo "cada día máis quebrado". "As listas de espera continúan aumentando e, as traballadoras, soportando unhas condicións laborais suxeitas a un convenio colectivo caducado desde hai máis dunha década", criticou.