O BNG exixe a Sanidade medios e persoal antes do pico da gripe
Montse Prado denuncia a "saturación" da Atención Primaria.
A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, reclamou esta segunda feira á Consellaría de Sanidade que adopte "de forma urxente" as medidas necesarias para garantir a atención a todos os galegos e galegas ante a "saturación nos centros de Atención Primaria pola falta de planificación ante a proliferación de casos de gripe e de infeccións respiratorias".
"Aínda non chegamos ao pico da gripe e das infeccións respiratorias e a situación nos centros de saúde é máis que preocupante", advertiu esta segunda feira a deputada nacionalista, quen criticou a "dificultade" que teñen moitas usuarias para conseguir unha cita co persoal médico de cabeceira como resultado, dixo, dunha política sanitaria que "escatima en persoal e orzamento", con 141 médicos ou médicas de familia menos que hai dous anos.
"Hai centros sen ningún médico, outros nos que tiña que haber catro e hai un; onde tiña que haber sete, pode haber dous", resumiu Prado, que tamén denunciou casos nos que non se presta asistencia ou só se presta por unhas horas. Así, profundou, sen persoal médico de familia nin pediatras suficientes, a presión trasládase aos servizos de Urxencias, o que provoca que tamén a atención hospitalaria estea "tremendamente tensionada" a día de hoxe.
Medios e persoal
Ante esta situación, a deputada do BNG exixiu á Consellaría de Sanidade que deixe de actuar "para a galería" e se anticipe ao pico máximo da gripe e outras infeccións respiratorias pondo en marcha as medidas e os recursos necesarios e habilitando con antelación a totalidade das camas hospitalarias. "Non se pode agardar a que o problema chegue ao seu punto máximo para abrir camas, porque facelo non consiste en dar a un interruptor, senón que hai que contratar o persoal, dotar de medicación, de material, de limpeza...", enumerou. "É imprescindíbel a planificación e a programación, e ter todos estes recursos preparados e totalmente operativos sen esperar o problema", engadiu.
"Os galegos e as galegas teñen dereito a unha atención sanitaria de calidade e os profesionais a unhas condicións laborais dignas, sen ter que estar continuamente en situación límite, sobrecargados de traballo, facendo o traballo de tres ou catro e tendo que dobrar quendas", concluíu Montse Prado.

