O BNG esixe unha vez máis o saneamento integral da ría do Burgo

Pasan os anos e a situación non se resolve. Os sucesivos orzamentos do Estado consignan partidas, pero non as executan. O BNG volveu este sábado esixir o “saneamento integral da ría do Burgo. Fíxoo a súa eurodeputada Ana Miranda, que a visitou acompañada do seu colega letón Miroslavs Mitrafanovs, da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.
 

Visita ría do Burgo 1
photo_camera A eurodeputada do BNG Ana Miranda, terceira pola esquerda, na visita á ría do Burgo este sábado. Foto: BNG.

“Seis anos despois da visita á ría dunha delegación internacional de eurodeputados e eurodeputadas”, expón a organización nacionalista nun comunicado, “a contaminación na ría persiste e a acumulación de lodos segue a ser un problema sen resolver”. Miranda e Mitrafanovs reuníronse co presidente e integrante da Confraría da Coruña e con mariscadoras. Outros membros do Bloque, como o candidato á alcaldía da Coruña Francisco Jorquera, tamén estiveron presentes.

“Hai fondos europeos para o dragado. O que non hai é vontade política para acometelo”, afirmou Ana Miranda, que reclamou de Xunta e Goberno central “o saneamento integral da ría do Burgo”. O pasado 21 de xaneiro, lembrou a eurodeputada nacionalista, a Comisión de Peticións decidiu manter aberta a petición da Confraría de Pescadores despois de analizar a información achegada.

“Non pode haber escusas”, dixo, e criticou que gobernos estatal e galego “prefiran pagar as multas que impón a Unión Europea a sanear as rías”. Mitrafanovs afirmou que nas reunións da Comisión de Peticións dirá “que comprobei in situ a existencia de lodos, xa que esta petición está a ser estudada”. O letón estrañouse de que as administracións “non teñan interese en sanear as rías e mellorar a calidade das augas”.

Comentarios