PIDE A COMPARECENCIA DA MINISTRA

O BNG esixe cambios na lexislación das marcas brancas do leite

A parlamentar nacionalista Olaia Fernández Davila vén de rexistrar unha iniciativa na que insta o Goberno central a modificar a lexislación das marcas brancas do leite, porque “os seus efectos negativos están máis que demostrados”.

Cadea de envasado do leite
photo_camera Cadea de envasado do leite

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, pon o foco nas marcas brancas, “consideramos necesario revisar a lexislación sobre a existencia das marcas brancas de cadeas de distribución”. Trátase, segundo a nacionalista, dun “elemento de extorsión e de engano”.

“É consciente de que a lexislación vixente permítelles ás cadeas de distribución colocar nos lineais os seus produtos en forma branca?”, pregúntalle a deputada nacionalista á ministra de Agricultura en relación á “laxitude” da normativa actual.

Comparecencia da ministra de Agricultura

Ademais, a nacionalista solicitou a comparecencia da ministra de Agricultura para que explique no Congreso o denominado Plan de Apoio ao Sector Lácteo, subscrito entre a industria, as cadeas de distribución, o Goberno e “só unha parte das organizacións agrarias”. Lembra Fernández Davila que “as principais organización agrarias que aglutinan a maior parte do sector negáronse a asinar un acordo que non inclúe as demandas máis importantes dos produtores, como a clarificación do que é o prezo sostíbel”.

Pola outra banda, a deputada do BNG propón a creación dunha Comisión de Seguimento gobernamental, da que formen parte as autonomías, para vixiar o cumprimento do acordo e para evitar que se repita o sucedido nos últimos anos.

Comentarios