BNG, EH Bildu e ERC chaman a se mobilizar polas repúblicas galega, vasca e catalá

As formacións soberanistas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya reaxiron ante a abdicación do Borbón cun chamado á ruptura democrática.

ERC
photo_camera Praça de Catalunya


Fronte ao continuismo borbón ou a transformación do Estado español nunha República unitaria -na que o soberano continúe a ser o pobo español-, as formacións nacionalistas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya chamaron aos seus respectivos pobos a avanzaren cara á construción das Repúblicas galega, vasca e catalá.

Fixérono quer nas concentracións que se realizaron en vilas e cidades quer nos espazos axitativos das redes sociais. O BNG fixo rular o hashtag #RepúblicaGalega, mentres que EH Bildu fixo un chamado á #EuskalErrepublika e tamén á #independentzia, ao tempo que ERC apostaba con clareza por #RepublicaCatalana.

Os líderes das forzas soberanistas tamén se debruzaron sobre o twitter para comunicar as súas posicións ante o debate que se abre após a renuncia do chefe do Estado español. Así, @xaviervence declaraba: "O cambio de rei non pode tapar a podremia do réxime e a crise social. É a hora dun proceso constituinte democrático que recoñeza as nacións". Por súa parte, @LauraMintegui, de EH Bildu, retornaba aos anos 30 para, evocando a Ortega y Gasset, chiar: "Delenda est Monarchia", en canto que @MartaRovira, secretaria xeral de ERC, puña en destaque o referendo autodeterminista convocado en Catalunya para o 9 de Novembro: "El #9N2014 és el nostre camí. Volem decidir #RepublicaCatalana".

En definitiva, o soberanismo galego, vasco e catalán toman posicións perante o que se perfila como unha nova transición no Estado español, marcada en principio polo inmobilismo monárquico do bipartidismo e pola aposta na III República por forzas de esquerda españolas como IU ou Podemos.

Comentarios