O BNG denunciará en Europa o plan de transporte escolar da Xunta para o Courel

Tras unha reunión con representantes da ANPA e taxistas de Folgoso do Courel, Ana Miranda avanzou que presentará "unha iniciativa na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para denunciar a discriminación causada pola decisión do Goberno galego" de modificar o servizo de transporte para o vindeiro curso.
Maite Ferreiro, Ana Miranda e Carme Aira na reunión con representantes da ANPA e taxistas do Courel.
photo_camera Maite Ferreiro, Ana Miranda e Carme Aira na reunión con representantes da ANPA e taxistas do Courel.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, a deputada parlamentaria Carme Aira e a responsábel comarcal do BNG Rosana Prieto reuníronse este sábado con representantes da ANPA e de taxistas de Folgoso do Courel, promotores das mobilizacións en defensa do actual sistema de transporte escolar do CPI Poeta Uxío Novoneyra.

Na xuntanza, as nacionalistas expuxeron as iniciativas políticas a desenvolver para esixir á Xunta de Galiza o mantemento das rutas e paradas actuais, que garanten as mellores condicións para o alumnado e dan emprego a seis taxistas locais.

Denunia en Europa

A portavoz europea Ana Miranda anunciou que presentará "unha iniciativa na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para denunciar a discriminación causada pola decisión do Goberno galego que vulnera o dereito á igualdade no acceso á educación ao non ter en conta as condicións específicas das zonas de montaña".

Miranda considera que "a Unión Europea pode e debe pronunciarse sobre este asunto porque está en cuestión o uso de fondos europeos destinados á mobilidade e porque a licitación das rutas foi publicada no Diario Oficial das Comunidades Europeas".

Emprego e dereito ao ensino

Nesa liña, explicou que o plan de transporte da Xunta da Galiza bate de fronte "coa filosofía dos fondos europeos e incumpre a Estratexia Europea para as Zonas de Alta Montaña, que alude ás necesidades específicas de transporte destas áreas e que se reforzará no novo marco financeiro que se está a negociar nestes momentos en Europa".

A vicepresidenta e deputada provincial Maite Ferreiro salientou que tras a paralización do contrato, motivado polas mobilizacións sociais, "cómpre manter a presión institucional para que a Xunta da Galiza rectifique e presente xa un plan de transporte que atenda ás necesidades do alumnado ademais de manter os empregos no Courel".

Comentarios