BNG denuncia que o infrafinanciamento do SAF "asfixia" os concellos, precariza o emprego e agrava o "colapso" do servizo
Olalla Rodil cualifica de "case un insulto" a previsión de pagar 18 euros/hora en 2028 cando o custo real xa supera os 23 ou 25 euros e alerta de riscos para a seguridade das traballadoras.
A deputada do BNG Olalla Rodil denunciou o infrafinanciamento crónico do servizo de axuda no fogar (SAF) por parte da Xunta da Galiza e do Estado español, unha situación que, segundo advertiu, "asfixia economicamente os concellos, afonda na precariedade laboral das traballadoras e agrava os problemas estruturais do servizo".
Rodil cuestionou con dureza a proposta de financiamento, froito dun acordo entre a Xunta e a Fegamp, que fixa un incremento progresivo até os 18 euros por hora en 2028. É unha cifra que "non cobre o custo real do servizo, que en moitos municipios xa supera os 23 euros por hora ordinaria e alcanza os 25 euros a extraordinaria", afirmou. Como exemplo, citou casos como O Porriño (23,79 euros/hora), Láncara (24 euros/hora) ou Vila de Cruces (23,31 euros/hora, até 26,81 € en domingos e festivos). "Que a Xunta e o Estado vaian pagar 18 euros a hora dentro de dous anos é case un insulto, tendo en conta o que di a Lei de Dependencia", que estabelece que o financiamento debe ser asumido ao 100% pola Xunta e polo Estado.
A deputada nacionalista alertou de que este déficit estrutural mantén o SAF "ao borde do colapso", con listas de agarda "inadmisíbeis" e milleiros de persoas sen atención en toda Galiza. Ao tempo, denunciou unha precariedade laboral "isoportábel" para as traballadoras, que levan anos reclamando un novo convenio colectivo e melloras salariais que, nalgúns casos, seguen por baixo do salario mínimo interprofesional.
Financiamento e seguridade laboral
Rodil puxo especial énfase na seguridade das profesionais do servizo, lembrando o asasinato de Teresa de Jesús no Porriño o pasado verán no seu posto de traballo. Tras aquel crime, "as administracións comprometéronse a adoptar protocolos de prevención", recordou. Ante esta promesa, preguntou Rodil: "Como se van garantir as medidas de seguridade necesarias no SAF con este financiamento? É evidente que ao Goberno do PP na Xunta non lle preocupa o máis mínimo a situación que viven as traballadoras do SAF".
Para rematar, o BNG reiterou a súa exixencia dun financiamento acorde ao custo real do servizo e asumido integramente pola Xunta e polo Estado. "É a única solución para garantir a viabilidade do servizo, a dignidade laboral das profesionais e o dereito á atención das persoas dependentes", concluíu Rodil.

