O BNG consegue desbloquear a tramitación da Lei para a transferencia da AP-9 á Galiza
O deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego, sinala que, alén das propostas recollidas no Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel, o BNG consegue impulsar a tramitación do Proxecto de Lei para transferir a Autoestrada do Atlántico á Galiza.
O debate en Madrid da lei impulsada desde Galiza para a transferencia da titularidade da AP-9 albíscase máis perto tras o desbloqueo parcial acometido nesta xornada, tendo en conta que a Mesa do Congreso decidiu fechar o prazo das emendas á totalidade do proxecto de lei.
En concreto, o órgano de goberno da Cámara baixa fechou o prazo de emendas á totalidade, que deberán levar un texto alternativo porque non bastará con pedir a súa retirada. Segue aberto, aínda así, o período de presentación de emendas parciais ao articulado da proposición de lei.
O encargado de anticipar este paso foi, en rolda de prensa, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen reivindicou que foi a súa formación a que logrou o "desbloqueo" da tramitación. "Conseguimos que o PSOE se movese", proclamou Rego, quen explicou que, se non hai emendas á totalidade, o prazo para as parciais "sería a próxima semana".
O obxectivo dos nacionalistas, incidiu Rego, é que o proxecto lexislativo "se tramite canto antes" e que poida debater antes de que finalice o actual período de sesións, é dicir, antes de que finalice o ano.
"Prórroga número 59"
Menos optimista é o PP galego e o deputado na Cámara baixa e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes, Celso Delgado, lamentou "a prórroga número 59, desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa, ao prazo de presentación de emendas" á proposición de lei. En total, afean os populares, "xa son case seis anos de bloqueo desde que en decembro de 2019 dese o inicio da tramitación desta proposición na Cámara baixa".
Así, remarca que os populares continuarán insistindo "en que debe fecharse o prazo de presentación de emendas parciais", porque "só deste xeito" a proposición poderá ser debatida na Comisión de Transportes, onde se deberá reunir un relatorio e tomar unha decisión respecto diso.
Delgado tamén mostrou a súa "sorpresa" porque o BNG "pretenda asumir o protagonismo dun cambio de postura que non é así". "O BNG é un socio habitual nas posturas do Goberno de Sánchez e, por tanto, é responsábel de que a día de hoxe sigamos nesta situación: sen traspaso nin gratuidade da autoestrada", afeou Delgado, obviando que foi o Goberno de José María Aznar o que prorrogou até 2048 a concesión da autoestrada a Audasa ou as varias veces que o PP votou no Congreso contra a transferencia do viario á Galiza.
O PSdeG insiste na gratuidade
Este asunto chegou á Cámara galega, onde os grupos tomaron postura tras a reunión da Xunta de Portavoces. Así, preguntada respecto diso, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG na Cámara galega, Lara Méndez, asegurou que a súa formación ten unha folla de ruta "moi clara" sobre esta infraestrutura que afecta directamente o "peto" dos galegos e que pasa por lograr a súa gratuidade.
Lara Méndez subliñou que o Goberno de Pedro Sánchez traballa para "resolver os problemas" orixinados polo PP, coa prórroga da concesión autorizada polo Goberno de José María Aznar. "Nós seguiremos traballando pola gratuidade", incidiu.
Dito isto, sostivo que, "na medida do posíbel", se se pode "favorecer tamén" o traspaso á Galiza da titularidade da vía, "benvido sexa". Todo iso antes de lembrar que "o PP o puido facer e non o fixo".
Pola súa banda, a nacionalista Olalla Rodil puxo en valor o traballo do deputado do BNG no Congreso para "desbloquear" unha lei que contou co apoio unánime da Cámara galega e sostivo que, en paralelo, o Goberno español debe facer valer a resolución da Comisión Europea que apuntou á ilegalidade da prórroga da concesión e declarar a nulidade da concesión.
O portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago, falou de "vitoria pírrica" ao lembrar que segue vivo o prazo para presentar emendas parciais e advertiu de que, para iso, o BNG vaia apoiar unha lei de mobilidade que "elimina 26 paradas en 22 concellos".