O BNG condena o ataque nocturno con drones á 'flotilla' humanitaria que se dirixe a Gaza
A eurodeputada Ana Miranda expresou esta sexta feira a "condena rotunda" do BNG ao ataque sufrido esta noite por un buque da 'flotilla' internacional que viaxa rumbo a Gaza mediante drones, "unha flotilla humanitaria que pretendía denunciar o xenocidio que está practicando Israel co pobo palestino", destacou.
"A impunidade de Israel ten que rematar", reivindicou Ana Miranda ao respecto, ao tempo que explica que o ataque produciuse mentres a embarcación estaba en augas internacionais, en augas europeas cerca de Malta, e que foi sabotada por Israel cun ataque de drones. Con todo, a ofensiva só produciu danos materiais.
Segundo trasladou a eurodeputada galega nun comunicado, a Unión Europea ten que reaccionar e denunciar o xenocidio que se está producindo en Gaza. "Exiximos á Unión Europea que tome medidas no asunto, esiximos que se respecten as augas internacionais e sobre todo esiximos que se pare o xenocidio en Gaza".
Solidariedade internacional
Ana Miranda lembra que ela mesma participou na 'flotilla' rumbo a Gaza no 2015. "Sei ben que Israel non gusta da axuda humanitaria e non lle gusta tampouco que o internacionalismo estea denunciando este xenocidio. A súa impunidade vai moito máis alá do imaxinado: atacar un barco humanitario que está en augas internacionais", denunciou, expresando a solidariedade internacionalista do BNG con todos os membros da 'flotilla'.
"A Unión Europea ten que mollarse e o Estado español tamén ten que dicir algo inmediatamente", remarcou a eurodeputada do BNG, quen precisamente esta semana participou na coorganización dunha conferencia no Parlamento Europeo de Bruxelas sobre o xenocidio que Israel está cometendo en Gaza, e que contou cunha ampla representación de expertos en dereito internacional, xornalistas, activistas e doutores.
Dous meses de bloqueo
Precisamente esta sexta feira 2 de maio, a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) denunciou o "castigo colectivo" aos palestinos da Faixa de Gaza tras dous meses de bloqueo israelí á entrada de axuda humanitaria e reclamou a Israel que "levante o cerco".
"Fanse dous meses de cerco contra o pobo de Gaza. É un cerco contra nenos, mulleres, anciáns e homes civís. Son castigados colectivamente por nacer e vivir en Gaza, algo que non depende deles", dixo o comisionado xeral da axencia, Philippe Lazzarini.
Así, sinalou que "o Estado de Israel debe levantar o cerco e permitir o fluxo de subministracións básicas", antes de advertir de que "con cada día adicional, o cerco matará silenciosamente a máis nenos e mulleres, á marxe dos mortos por mor dos bombardeos" israelís contra o enclave palestino.

