O BNG asegura que Galiza perderá 1,6 millóns "a favor das eléctricas" tras os cambios de Rueda no canon eólico
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que Galiza perderá 1,6 millóns de euros que irán "a favor das eléctricas" tras o cambio normativo do Goberno galego no canon eólico. "Para sorpresa de ninguén, [a Xunta da Galiza] beneficia ás eléctricas e vai en contra dos intereses do país", indicou.
Nunha rolda de prensa no Parlamento da Galiza xunto ao alcalde de Muras, Manuel Requeixo, a xefa de filas do BNG sostivo que con esta modificación lexislativa o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volve demostrar que "goberna para as eléctricas" ao rebaixarlles o imposto do canon eólico de tal modo que en 2026 pagarán un 64% menos. Unha cifra que, segundo dixo, corresponde a tan só os oito parques eólicos que teñen un permiso de repotenciación.
Un total de 1,6 millóns de euros que, segundo sostivo, "saen das arcas públicas e van entrar nos petos das eléctricas grazas ao PP". "Un agasallo millonario ás eléctricas nunha Galiza rica en electricidade, mais que ten a 300.000 persoas en pobreza enerxética e que este inverno non están a poder acender a calefacción", manifestou.
A líder nacionalista advertiu que estes 1,6 millóns de perda de ingresos en 2026 irán aumentando a medida que aumenten os parques eólicos que se repotencien, é dicir, que cambien muíños vellos por outros de nova tecnoloxía ou con alturas moi superiores. "O PP impuxo un cambio na normativa do canon eólico a favor das eléctricas que entra en vigor este ano e o que sabemos é que gañan as multinacionais e perde Galiza, en particular, os concellos e os veciños que soportan parques eólicos no seu territorio", profundou.
A continuación, Pontón apuntou que isto vai supor unha importante perda de recursos para moitos concellos que xa están afogados economicamente á hora de facer fronte, por exemplo, a servizos básicos como o SAF. "Os concellos galegos non poden pagar o SAF, mais o Goberno do Partido Popular quita ingresos para que as eléctricas gañen máis e paguen menos impostos polos parques eólicos", sinalou.
Exemplo do Concello de Muras
Neste contexto, contrapuxo a posición "dun PP que goberna a favor do sector eléctrico" coa do BNG que, conforme destacou, "antepón os intereses dos veciños aos das eléctricas" como no caso do Concello de Muras (A Terra Chá), o municipio con máis muíños eólicos de toda Galiza. Alí, tal e como sinalaron tanto ela mesma como o rexedor da localidade, púxose en marcha unha iniciativa pioneira para abaratar a factura da luz a todos os veciños e veciñas e agora acábase de alcanzar un acordo con Iberdrola en favor do concello.
Un acordo que Pontón dixo que "supón un cambio de paradigma" e que demostra como desde a negociación firme coas eléctricas "conséguese moito máis que desde a submisión que practica o PP". "Un concello do BNG foi capaz de facer o que Rueda é incapaz, que é negociar cara a cara cunha multinacional eléctrica para lograr unha repartición máis xusta da riqueza eólica", reivindicou.
Neste sentido, a nacionalista emprazou a continuación o Executivo galego a seguir o exemplo do BNG en Muras, no canto de "aumentar a conta de resultados das eléctricas". "Pídolle ao señor Rueda que tome nota de que se pode negociar a favor da Galiza e deixar atrás a submisión ás eléctricas", incidiu Pontón.
Acordo do concello con Iberdrola
En concreto, segundo trasladaron, o Goberno municipal alcanzou un acordo con Iberdrola por un parque eólico polo que Muras recibirá 125.000 euros anuais e o importe equivalente ao 2,5% da produción anual no parque repotenciado, en ambos os casos actualizando co IPC e durante 25 anos. Pontón mostrouse orgullosa dun acordo que demostra como o BNG "defende os intereses da cidadanía" e emprazou Rueda a apoiar a iniciativa que defenderá a organización nacionalista no próximo pleno do Parlamento galego para modificar a normativa do canon eólico e do fondo de compensación ambiental, con tres propostas fundamentais.
A primeira, que as eléctricas paguen impostos tendo en conta a potencia eléctrica de cada parque eólico, con independencia de que estea distribuída en 20 muíños ou en dous. En segundo lugar, o BNG propón que se promova a participación pública e comunitaria na xestión e aproveitamento dos recursos eólicos e, moi particularmente, de todo o que ten que ver co impacto que estes teñen a nivel local. E, en terceiro lugar, ampliar os destinos posíbeis de investimento para os recursos que reciben os concellos a través do canon eólico (o denominado fondo de compensación ambiental), permitindo que eses recursos tamén se poidan destinar a emprego, a manter servizos básicos ou a dinamizar o rural.
Pola súa parte, o alcalde Muras profundou nos termos do consenso logrado con Iberdrola e que permitirá reverter máis recursos da súa riqueza enerxética a un municipio que ten 20 parques eólicos, con 381 muíños instalados. Requeixo explicou que en virtude do acordo conseguido para a renovación dun parque eólico, a eléctrica pagará ao concello todos os anos durante a vida útil do parque 125.000 euros (indexados ao IPC) para o pagamento das axudas da luz que o Goberno local mantén activas desde 2015.
Ademais, o concello percibirá anualmente o equivalente ao 2,5% da produción do parque, o que no primeiro ano suporá 325.000 euros, cunha cláusula pola que o canon mínimo a recibir será de 200.000 euros aínda que ese 2,5% da produción sexa inferior a esta cantidade. Así mesmo, as persoas empadroadas en Muras poderán acceder ás bolsas da Fundación Iberdrola e, durante os tres primeiros anos despois da repotenciación do parque, e os propietarios e propietarias históricas das parcelas onde está instalado terán preferencia para recuperar os terreos para o uso que eles consideren. Por último, cando entre en funcionamento o parque, todas as pistas, vías municipais e estradas deberán estar aglomeradas por parte de Iberdrola, actuación que supón unha contía elevada e que reverterá por tanto tamén en beneficio do municipio.