O BNG anuncia que sairá do Goberno da Deputación de Lugo se José Tomé non dimite ou non é apartado da Presidencia da institución
Diante das "graves acusacións" de acoso sexual que se veñen de coñecer nas últimas horas contra o socialista José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, o grupo do BNG nesta institución, a través das manifestacións do vicepresidente, Efrén Castro, exixiu a súa dimisión.
Ao respecto, o representante nacionalista e vicepresidente da Deputación de Lugo quixo reivindicar "o noso compromiso absoluto contra a violencia machista e a nosa solidariedade coas vítimas que o denuncian, sexa quen sexa o acusado".
"O Partido Socialista ten que actuar de inmediato", engadiu o nacionalista. Neste sentido, demandou a esta formación "apartar José Tomé das súas funcións políticas e investigar as denuncias que se realizaron até o último extremo".
"O BNG é claro na tolerancia cero coa violencia machista en todos os espazos e sexan cales sexan as consecuencias", explicou. Por todo isto, aseverou, "de non producirse a dimisión de José Tomé como presidente da Deputación de Lugo, o BNG abandonará o Goberno desta institución".
"Queremos expresar ademais o noso apoio ás mulleres que deron o paso de denunciar. Sabemos que non é doado enfrontarse a estruturas de poder que moitas veces actúan como barreiras silenciosas", acrecentou.
"Pedimos máximo respecto e confidencialidade para elas, que non se volvan repetir filtracións de identidade e cuestionamentos como os que temos visto recentemente", concluíu o vicepresidente da Deputación de Lugo.