O BNG amosa o seu "apoio ao dereito de autodeterminación" do pobo catalán nos actos da Diada

Integrantes da formación nacionalista mantiveron un encontro con Junqueras e asistirán á manifestación da Assemblea Nacional Catalana.
Unha delegación do BNG participa na Diana Nacional de Catalunya.
photo_camera Unha delegación do BNG participa na Diana Nacional de Catalunya.

Unha delegación do BNG participou este 11 de setembro nos actos conmemorativos da Diada Nacional de Catalunya co obxectivo de "apoiar o dereito de autodeterminación" dos cataláns e "reforzar lazos de unión" co soberanismo catalán, con Esquerra Republicana de Catalunya e a CUP.

A delegación da formación nacionalista integrada polo secretario de Organización, Bieito Lobeira; a coordinadora de Relacións Internacionais e portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o responsábel de Relacións co Estado e director da Fundación 'Galiza Sempre', Rubén Cela, mantiveron un encontro co presidente de ERC, Oriol Junqueras, ademais de participar nunha ofrenda floral diante do monumento a Rafael Casanova e intervir no encontro co resto de delegacións internacionais convidadas por Esquerra.

Rafael Casanova

Institucións, partidos e entidades homenaxean este 11 de setembro Rafael Casanova, conseller en cap de Barcelona durante a Guerra de Sucesión. Fano onde o seu monumento, situado xusto no punto no que foi ferido o 11 de setembro de 1714.

Manifestación da ANC

A delegación do BNG participará esta tarde na manifestación convocada pola Assemblea Nacional Catalana (ANC), unha cita que arrancará ás 17.14 horas co ánimo de recuperar o espírito de anteriores Diadas e xuntar 100.000 participantes.

Así mesmo, estará presente nos eventos organizados pola CUP, así como nun acto no Parlament de Catalunya co que prevén fechar a xornada.

Dereito a decidir

Doutra banda, os representantes do BNG desprazados a Barcelona mantiveron un encontro cos membros da agrupación local do Bloque en Catalunya "que seguen participando na loita activa do pobo catalán como exemplo do apoio do Bloque ao dereito a decidir".

Comentarios