BNG, Amaiur e ERC presentarán na Galiza a iniciativa pola autodeterminación dos pobos

Representantes das tres formacións debullarán as disposicións que compoñen a Proposición non de lei presentada nas Cortes españolas. A iniciativa foi vetada en dúas ocasións polo Partido Popular e pula polo recoñecemento do "dereito a decidir" das nacións sen Estado

Rosana Pérez (BNG), Alfred Bosch (ERC) e Jon Iñarritu (Amaiur) presentarán esta cuarta feira en Compostela a Iniciativa pola autodeterminación dos pobos que as tres formacións soberanistas presentaron no Congreso español.

A iniciativa, en cuxo acto de presentación tamén estará o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, ter por obxecto elevar a Madrid "o debate sobre o dereito de autodeterminación" das nacións sen Estado --aseguraron na presentación da proposta @s portavoces das tres formacións. 

O soberanismo avanza por Europa e o Estado español non escapa a esa onda. Neste senso, BNG, ERC e Amaiur queren que o pleno do Congreso español debata sobre un dereito recoñecido internacionalmente e mesmo subscrito polo Estado español na Carta das Nacións Unidas. Así, a Proposición non de lei propón "traspor ao ordenamento xurídico español" o dereito á libre determinación dos pobos recoñecido polo Dereito internacional garantindo o recoñecemento da Galiza, Catalunya e Euskal Herria como nacións soberanas xunto con aqueles territorios "que así o definan no seu Estatuto" ou acorden no seu Parlamento. 

Neste senso, a iniciativa --presentada inicialmente como Proposición de lei-- recolle a fixación dun "proceso de transición" no que se garanta a convocatoria dun "referendo de autodeterminación nacional" cuxo albo xera a "constitución dun Estado independente". 

Os vetos do Partido Popular
A prosta presentada pol@s formacións soberanistas foi vetada o pasado mes de febreiro pola Mesa parlamentar. O rexeitamento d@s representantes do Partido Popular --grupo maioritario na Cámara-- impediu a súa toma en consideración na Cámara baixa e o posterior debate en sesión plenaria. A posición da forza no Goberno foi duramente criticada desde as portavocías do Bloque, ERC e Amaiur que denunciaron o "talante antidemocrático" do Goberno. 

Porén, naquela altura xa advertían que "o debate sobre a autodeterminación chegará ao Congreso queiran ou non". Após dous vetos, as forzas soberanistas decidiron finalmente presentar baixo a fórmula dunha Proposición non de lei a mesma iniciativa, regateando o veto do Partido Popular. A vindeira cuarta feira, no Hotel Compostela @s representates de ERC, Amaiur e BNG darán a coñecer boa parte do contido da iniciativa. 

Comentarios