BNG, Amaiur e ERC piden á Mesa que levante o veto sobre a súa proposición de lei de autodeterminación

BNG, Amaiur e ERC continúan a tentar que a súa proposición de lei de autodeterminación chegue ao Pleno do Congreso. As forzas soberanistas, que non se resignan, rexistaron un escrito instando á Mesa a que reconsidere o seu veto.
Deputad@s de BNG, Amaiur e ERC
photo_camera Deputad@s de BNG, Amaiur e ERC

A Mesa do Congreso -órgao en que o PP detén a maioría absoluta- inadmitiu a trámite a proposición de lei de autodeterminación asinada conxuntamente por BNG, Amaiur e ERC.

Alegou que ao envolver unha reforma constitucional os grupos proponentes deberían terse acollido aos artigos 146 e 147, en que se regulan os procedimentos para a reforma da Constitución española. Eses artigos obrigarían ás forzas soberanistas, encuadradas no grupo mixto, a atinxiren o apoio doutro grupo parlamentar para rexistar a iniciativa con opcións de suceso.

Porén, BNG, Amaiur e ERC xulgan que a Mesa se ten extralimitado das súas funcións e pídenlle que reconsidere a inadmisión a trámite da proposición de lei.

Estiman os grupos proponentes que o único cometido que incumbe á Mesa é o de cualificar as iniciativas do ponto de vista xurídico e nunca do ponto de vista político. Acrecentan que o que fixo a Mesa foi entrar no fondo da cuestión, lesionando os dereitos d@s deputados proponentes ao lles impedir que puidesen defender a súa proposta no Pleno da Cámara.

Para BNG, Amaiur e ERC, a súa iniciativa cumpre "os requisitos formais", polo que á Mesa non lle cabe "senón admitir a trámite a proposición de lei so pena de infrinxir o artigo 23 da Constitución española".

A inadmisión a trámite non adviría, pois, dunha análise técnica e si de que a Mesa, arrogándose funcións que non lle incumben, tería feito un "xuízo sobre o contido" da proposta.

"A Mesa non se acha habilitada para prexulgar o suceso ou a oportunidade política dunha proposición de lei, pois do seu contido debe ocuparse o Pleno con independencia do sentido en que o fixer", alegan os grupos proponentes.

Alén do máis, entenden que a Mesa tamén ten ultrapasado as súas competencias ao determinar con prexuízo que "o recoñecimento e a regulación do dereito de autodeterminación non se achan incorporados na Constitución". Si que estarían, indican, desde que a Constitución "se abre ao dereito internacional através dos artigos 96.1 e 10.2". O dereito internacional si recoñece o dereito de autodeterminación.

Comentarios