BNG, Amaiur e ERC levan ao Congreso unha iniciativa conxunta a prol da autodeterminación

BNG, Amaiur e ERC rexistrarán esta semana no Congreso español unha proposición non de lei conxunta en defensa do dereito de autodeterminación dos pobos

BNG, Amaiur e ERC rexistrarán esta semana no Congreso español unha proposición non de lei en defensa do dereito de autodeterminación dos pobos. Unha iniciativa coa que estas tres formacións queren levar á Cámara baixa o dereito a decidir de Galiza, Euskal Herria e Catalunya. Trátase de abrir o debate para criar as condicións que permitan que estas tres nacións podan ser titulares de dereitos políticos plenos.

Nas últimas semanas, o nacionalismo galego e a esquerda abertzale teñen desenvolvido diferentes actos conxuntos sobre o dereito a decidir, unha liña na que se fai fincapé na soberanía como un dereito dos pobos, para alén dunha ferramenta acaída para o combate da crise.

No documento que será presentado esta quinta feira no Congreso español --e ao que tivo acceso Sermos Galiza-- as tres formacións proporán a transposición "ao ordenamento xurídico español o dereito á libre determinación das nacións" de acordo cos principios subscritos polo propio Estado a través da "ratificación de diversos Tratados internacionais", entre eles o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (1976) en que se recoñecen --afirma o documento achegado por Amaiur, BNG e Esquerra-- que "todos os pobos teñen dereito á autodeterminación. En virtude deste dereito determinan libremente a súa condición política". 

Así pois, as formacións soberanistas e independentistas demandan o dereito de Euskal Herria, Galiza e os Països Catalans a exerceren de facto os seus dereitos políticos como nacións no exercicio da súa libre determinación. 

Comentarios