BNG, Amaiur e ERC denuncian a "censura" do PP e anuncian que recorrerán o veto

Denuncian que o PP "prohíbe temas sobre os que falar" e advirten que "o debate sobre a autodeterminación estará presente, gústelles ou non".
Deputad@s do BNG, Amaiur e ERC denuncian o "veto" á PL sobre a autodeterminación
photo_camera Deputad@s do BNG, Amaiur e ERC denuncian o "veto" á PL sobre a autodeterminación

@s voceir@s dos grupos promotores da proposición de lei a prol da autodeterminación anunciaron esta cuarta feira que recorrerán a decisión adoptada pola Mesa do Parlamento. En comparecencia de imprensa, representantes de BNG, ERC e Amaiur denunciaron o "talante antidemocrático" do Partido Popular e censuraron que este tivese empregado @s cinco membros que posúe no órgano para que a súa proposta non puidese nin sequera ser tramitada. Pola contra, PSOE (3) e CiU (1) apoiaron a súa elevación ao Pleno da Cámara.

“O PP aduce razóns absurdas porque no fondo o único que quer é evitar un debate", aseverou a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, a respecto das cuestións que o PP argüiu para impedir a tramitación da proposta presentada polos grupos soberanistas. Neste senso, @s populares aseguraron que ao envolver unha reforma constitucional a lei non podía ser debatida, cuestión que o deputado de ERC, Alfred Bosch tildou de "artimaña técnica" e de "censura" por parte do partido maioritario.

Pola súa banda, Mikel Errekondo (Amaiur) advertiu ao Partido Popular que traeran "o debate sobre a autodeterminación ao Congreso", para o que presentarán un recurso contra a decisión da Mesa. Até o momento aínda non definiron que modalidade empregarán pois "o primeiro paso será informarse do ditame", que aínda non lles foi entregado. Porén, recorrerán en primeira instancia á Mesa do Parlamento, de acordo co procedemento habitual. De non prosperar, estudarían outras vías. Os grupos promotores aseguran que non recuarán na súa proposición no que entenden é un dereito para as nacións sen Estado que debe ser submetido a debate nas Cortes españolas.

Comentarios