O BNG afirma que "non apoiará, en ningún caso, unha moción de censura promovida pola ultradereita e a dereita ultra"

O deputado nacionalista Néstor Rego no Congreso este 19 de xuño. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
"O BNG reclama ao PSOE cumprir de maneira inmediata os compromisos recollidos no cordo, fundamentais para responder ás necesidades da Galiza e respectar a palabra dada", acrecenta a formación.

Ante a rolda de contactos anunciada polo Partido Popular para buscar apoios entre os grupos políticos do Congreso español para unha posíbel moción de censura, o Bloque Nacionalista Galego emitiu esta terza feira un comunicado no que busca "deixar clara a súa posición".

"O BNG non apoiará, en ningún caso, unha moción de censura promovida pola ultradereita e a dereita ultra", sinalou a formación nacionalista nunha alusión clara ao rexeitamento a pactar con Vox e PP.

Neste sentido, o BNG sinalou que "mantén un acordo de Investidura co PSOE, non un acordo de lexislatura", polo que "non apoia nin o PSOE nin Pedro Sánchez, só propostas que consideramos positivas para o noso país e as maiorías sociais". Do mesmo modo, engadiu a formación, "rexeitamos as negativas".

"O BNG reclama ao PSOE cumprir de maneira inmediata os compromisos recollidos no cordo, fundamentais para responder ás necesidades da Galiza e respectar a palabra dada", acrecenta. "Galiza necesita solucións, non manobras partidistas. O BNG seguirá defendendo os intereses do pobo galego con responsabilidade e firmeza", concluíu a forza nacionalista.

Rolda de contactos

Previamente, o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, encargou ao portavoz popular no Congreso, Miguel Tellado, que chame aos grupos políticos que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez para comprobar se están dispostos a apoiar unha moción de censura tras o envío a prisión do 'ex número tres' dos socialistas, Santos Cerdán. 

Así o anunciou Feixoo nunha mensaxe na rede social X, no que lamentou que o "número dous" de Sánchez durmiu "en prisión" e o xefe do Executivo "pretende seguir". "É insostíbel", sentenciou o líder da oposición no Congreso español.

A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, que nas últimas horas anunciou deixará a secretaría xeral do Partido Popular, insistiu o pasado sábado na negativa do seu partido de presentar unha moción de censura contra  Sánchez pola falta de apoios, aínda que advertiu que "se eses catro votos xurdisen", ese mesmo día rexistrarían a moción para "terminar" co Executivo español.