O BNG acusa a Xunta de "especular" co patrimonio costeiro e critica a expansión de 'chiringuitos'
Luís Bará denuncia que a Lei do Litoral estase a aplicar sen planificación e orientada ao turismo intensivo. O BNG alerta da falta de instrumentos de ordenación e da desprotección de espazos costeiros.
O BNG sinalou o Goberno galego pola xestión do litoral e acusouno de promover a "especulación" sobre o patrimonio costeiro. O deputado da formación nacionalista Luís Bará criticou que a principal medida aplicada ao abeiro da Lei do Litoral sexa a ampliación da tempada e das licenzas para chiringuitos.
"O balance dos dous anos e medio da lei pódese resumir nunha chiringuitada", afirmou o deputado, quen denunciou unha "explotación intensiva" de zonas con valores ambientais. Segundo explicou, a normativa permitiu ampliar a tempada destes estabelecementos desde Semana Santa até outubro e incrementar o número de autorizacións, que sitúa arredor dos 400 locais.
O BNG alerta de que, mentres se impulsan medidas vinculadas ao turismo, seguen sen aprobarse os principais instrumentos de ordenación previstos na lei. Entre eles, Luís Bará citou as Directrices de Ordenación do Litoral, que deberían estar aprobadas desde 2025, así como o Plan de Ordenación Costeira e o Plan de Ordenación Mariña, ambos aínda pendentes.
O deputado nacionalista considera que esta situación responde a unha "falta de interese pola xestión integral" e acusa ao Executivo de atrasar deliberadamente estes documentos. "Esta preguiza normativa do PP non é casual, porque as súas prioridades son encher a costa de chiringuitos, promover unha rede de estabelecementos turísticos ou unha senda costeira que debería desenvolverse no Plan de Ordenación Costeira que se retrasa , precisamente de maneira intencionada".
Críticas ao modelo do PP
O BNG sostén así que a política do PP busca favorecer a implantación de establecementos turísticos na costa. Neste sentido, Luís Bará denunciou que se estean autorizando campamentos, bungalows ou cabanas turísticas en zonas de protección ambiental. Criticou, aliás, que deixaran sen efecto partes do Plan de Ordenación do Litoral de 2011, o que, ao seu xuízo, facilita novas actividades en espazos sensíbeis.
"Todo estes feitos van na mesa dirección: especulación arredor do patrimonio costeiro, explotación intensiva de zonas con valores ambientais e proliferación de estabelecementos turísticos e chiringuitos; unha situación de desregulación e desprotección da que se benefician os amigos de Alfonso Rueda", concluíu Bará.
