O Bloque tende a man ás "persoas desencantadas" para abrir unha "nova etapa" en Galiza

[Imaxe BNG]

Na presentación da candidatura por Ourense Ana Pontón defendeu o proxecto nacionalista como "serio" e con "ideas, alternativas e propostas para saír adiante". 

Esta terza feira (16 de agosto) o BNG presentou as persoas que fan parte da candidatura por Ourense, encabezada por Noa Presas. Na súa intervención, a candidata do Bloque á presidencia da Xunta, Ana Pontón, fixo un chamamento dirixido ás "persoas desencantadas coa vella política de  promesas incumpridas e á desencantada dos líos, as loitas de poder, os personalismos e os intereses  das cúpulas" ás que tendeu a man para "camiñar xuntas" cara á unha "nova etapa". 

Con elas, dixo, "compartimos cansazo mais tamén afirmamos que contamos coa forza e a confianza dun proxecto sólido, solvente e definido coas ideas, alternativas e propostas para saír adiante porque hai futuro para Galiza se tomamos as decisións correctas para un cambio político no noso  país", subliñou. 

Pontón defendeu o proxecto do BNG como "sólido, solvente e definido" con "ideas" para "saír adiante"

Nese senso, subliñou algunhas das propostas defendidas pola organización frontista de cara ás eleccións de setembro. Un proxecto, dixo, pensado “dende Galiza e non deseñado nun laboratorio nin ao servizo de ningunha forza estatal” baseado no apoio aos sectores produtivos e na posta en marcha de "políticas innovadoras" como a creación dun contrato de sustentabilidade con axudas para as persoas que viven no rural que  se comprometan a “conservar e custodiar o territorio". 

Aliás, Pontón defendeu un cambio no financiamento que  dote a Galiza da autonomía integral invertendo o modelo no que o Estado recada todos os impostos e decide en que se deben investir. Así, asegurou que cos 3 mil millóns de euros que anualmente recada o goberno central "mellorariamos a sanidade e a educación, atenderíamos  a dependencia e  crearíase  emprego para a xente, en troques de  seguir financiando institucións caducas como a Casa Real, o Exercito e mesmo a caixa B do Partido popular", afirmou. 

Pola súa banda, a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, asegurou que as eleccións do 25 de setembro "non son unhas eleccións máis" polo que "o nacionalismo debe ser  determinante para condicionar cambios profundos". "Non abonda con xestionar ben", remarcou.