Besteiro pide a Sargadelos "garantía de emprego" logo de ser increpado polo dono
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu esta cuarta feira á fábrica de Sargadelos, en Cervo (A Mariña), acompañado da secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, e unha representación municipal socialista da Mariña. Na visita o líder dos socialistas galegos trasladou o seu apoio ás traballadoras e traballadores despedidos polo propietario nas últimas semanas. En declaracións aos medios na entrada da fábrica, Besteiro dixo que “Sargadelos é máis que unha empresa ou un centro de traballo. É un patrimonio cultural e un referente para toda Galiza”. Por iso asegurou que o obxectivo ten que ser “defender o seu futuro e os postos de traballo que están en risco”.
Durante a súa intervención ante os medios, a delegación socialista foi increpada polo propietario da empresa. A pesar do incidente, Besteiro reclamou á Xunta que aclare “que tipo de acordo ten coa empresa” e que “faga público ese compromiso” Lembrou que o Goberno galego ten competencias en industria, patrimonio cultural e saúde laboral, e instouno a actuar “con coherencia e con sentido”.
Criticou o secretario xeral do PSdeG que “o apoio público non pode ser un cheque en branco” e lembrou que “ten que ir vinculado á continuidade dos postos de traballo. Esa é a condición indispensábel”.
Feixoo "non dá unha a dereitas"
O secretario xeral do PSdeG cualificou esta cuarta feira de "inexplicábel" as críticas do líder do PP e ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, á xestión da apagada eléctrica da segunda feira. Advertiu o líder dos socialistas galegos que Feixoo "non dá unha a dereitas" ao facer estas declaracións en València, "onde apoiou o pacto de goberno entre PP e Vox e onde non foi capaz de criticar Mazón" pola xestión da dina.
Contrastou Besteiro o "apoio fechado de Feixoo a Mazón" e o feito de que "acto seguido e sen que lle caia a cara de vergoña, critica a xestión da crise enerxética que na Galiza está a ser defendida polo propio Alfonso Rueda". Lembrou así que o presidente galego "gabou" na terza feira a coordinación co Goberno de España, nun "marco de absoluta coordinación, respecto e colaboración", que "é o que os cidadáns queren escoitar".
Defendeu Besteiro que "nos momentos de crise e problemas o que hai que facer é colaborar e axudar, e non criticar", e salientou a "absoluta normalidade" coa que o Goberno español "asumiu a xestión cando a Xunta solicitou o nivel 3 de emerxencia".