Gómez Besteiro exixe a Rueda que denegue de "inmediato" a autorización industrial a Altri: "É un proxecto que naceu morto"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a denegar de "inmediato" a autorización industrial a Altri, un proxecto que, segundo dixo, "naceu morto", e fronte ao que avanzou que a súa formación presentará unha batería de iniciativas no Parlamento da Galiza para lograr que o Goberno galego o paralice.
Nunha rolda de prensa ofrecida esta segunda feira na Cámara galega, Gómez Besteiro emprazou Rueda a pór fin dunha vez ao que cualifica de "farsa" de Altri e denegar de inmediato a autorización administrativa e industrial necesaria para a instalación desta planta de celulosa en Palas de Rei (A Ulloa), ao tratarse, na súa opinión, "dunha iniciativa inviábel" técnica, ambiental e economicamente.
Para o secretario xeral do PSdeG "non hai escusas para non desautorizalo" despois de que "non recibise absolutamente ningunha axuda porque non cumpría os requisitos de descarbonización", de que se lle "denegasen fondos para proxectos innovadores" e de que, agora, "a súa conexión eléctrica tampouco encaixe na planificación".
Gómez Besteiro sostivo que "Altri é fume e propaganda, un proxecto que naceu morto", e sostivo, ademais, que "xa non hai ningunha dúbida de que é malo medioambientalmente, malo economicamente e malo tamén socialmente".
"Proxectos reais e con futuro"
O líder do PSdeG puxo en valor as oportunidades que se "abren" na Galiza coa planificación eléctrica 2025-2030 na que traballa o Goberno do Estado español e rexeitou as críticas esgrimidas pola Xunta ante unha suposta desconexión de comarcas galegas.
Así, respecto diso, lamentou que "despois de 17 anos no Goberno da Galia", o PP non fose capaz de formular ningún proxecto industrial novo para as comarcas do nordeste do país e defendeu que nesta área "hai viabilidade absoluta para proxectos industriais", mais censurou que "a Xunta non os ten". "O que se desenchufa é Altri,", subliñou desbotando que isto afecte ao territorio no seu conxunto.
Ademais, lembrou que a decisión final sobre este proxecto "é competencia exclusiva da Xunta" e considerou que "xa non hai posíbeis pretextos para seguir alongando a situación". "A Xunta dixo que se non existía esa conexión eléctrica, o proxecto caía definitivamente", asegurou para incidir en que agora xa se "sabe" que "vai ser inviábel" e que "o único que debe facer o Goberno galego é ser serio e denegalo".
Por último, o secretario xeral do PSdeG acusou o PP de "estar a enganar á cidadanía cun proxecto que nunca verá a luz". "Mentres siga alimentando esta ficción, Galiza seguirá perdendo oportunidades industriais reais e con futuro", concluíu Gómez Besteiro.

