Besteiro di que coa negativa a que Feixoo compareza na comisión o PP “confirma a culpabilidade” do ex presidente
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou onte unha nova xornada de “Diálogos con Raíz” que nesta ocasión abordou cuestións chave sobre o financiamento autonómico e a distribución de competencias.
Na súa intervención, Gómez Besteiro subliñou a importancia de situar a Galiza nunha posición “activa e responsábel” no debate sobre a reforma do modelo de financiamento, destacando a necesidade de garantir a igualdade entre territorios e a sustentabilidade dos servizos públicos.
A preguntas dos medios, o secretario xeral do PSdeG pronunciouse tamén sobre a posta en marcha da Comisión non permanente de investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica. “O PP non quere que se investigue nada”, resumiu despois de constatar que para os populares “é máis interesante que veña o presidente de Catalunya falar sobre a construción do hospital de Vigo e ese sobrecuste de 470 millóns que que veña Alberto Núñez Feixoo”.
Coa decisión de vetar a comparecencia de quen lideraba o Goberno galego cando se produciron os feitos que se queren investigar, di Besteiro, “o Partido Popular acaba de confirmar a culpabilidade de Feixoo, claramente”, sinalou Besteiro.
Asegurou que os socialistas manterán o seu traballo na comisión aínda “con todos os obstáculos que pon o PP” e manterán o seu compromiso de “buscar a verdade”.
O líder socialista insistiu en que o seu grupo “non admite condicións, non admite vetos e non admite tampouco componendas, como outros partidos”, e seguirá sen moverse da súa posición. “Non queremos vetar a ninguén, pero tampouco consentimos que nos veten”, afirmou.
Para José Ramón Gómez Besteiro, o importante é coñecer “a verdade do que aconteceu cos contratos que se fixeron durante a pandemia, os contratos que cremos firmemente que beneficiaron a familiares, a persoas vinculadas co PP e a altos cargos populares”, como tamén “chegar ata o final” en relación ao sobrecuste do Hospital Álvaro Cunqueiro, “un sobrecuste non calquera, senón un sobrecuste de 470 millóns de euros”.


