Besteiro chama a "frear á ultradereita, combater de raíz a desigualdade e impulsar unha transición verde xusta"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou este domingo desde Barcelona a "frear a ultradereita, combater de raíz a desigualdade, blindar os dereitos, defender o público e impulsar unha transición verde xusta".
O líder dos socialistas galegos asistiu esta fin de semana á Global Progressive Mobilisation, unhas xornadas nas que organizacións progresistas internacionais avanzaron, en Barcelona, na construción dunha "fronte común con obxectivos claros" para abordar os problemas "que de verdade importan" fronte á ultradereita.
"Falamos de democracia, de dereitos e de cohesión social. Ou avanzamos, ou retrocedemos. Aquí non hai grises", asegurou o socialista, invitando a esquerda a facelo "sen complexos". "Somos socialistas, pacifistas, ecoloxistas e feministas, e reivindicámolo con orgullo", asegurou.
Neste sentido, o secretario xeral afirmou que o que se tratou en Barcelona estes días, coa presenza de líderes progresistas de todo o mundo e figuras que comparten este pensamento, como as economistas Mariana Mazzucato ou Gabriela Ramos, tamén afecta directamente a Galiza.
"As respostas que se deron neste espazo internacional son as mesmas que necesitamos na nosa casa", apuntou, ao tempo que puxo de manifesto problemáticas como o encarecemento da vivenda, a situación da sanidade pública ou a falta de oportunidades para os mozos.
Ademais, Besteiro remarcou a necesidade de tecer alianzas internacionais co fin de "abrir oportunidades de cooperación" para a comunidade autónoma.
