Touriño afirma que o Goberno de PSdeG e BNG tiña un proxecto para Vigo "público e con máis camas"

José Ramón Gómez Besteiro (dereita) con Emilio Pérez Touriño nun momento do acto na USC. (Foto: Nós Diario)
O ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, negou esta cuarta feira que o goberno bipartito planease o modelo de hospital publico-privado. O PSdeG anuncia que investigará os contratos "por outros medios".

O ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, negou esta cuarta feira que o goberno bipartito planease o modelo de hospital publico-privado para o Álvaro Cunqueiro de Vigo. "Tiñamos un proxecto dun hospital público, con máis camas, máis tamaño, máis capacidades", sinalou para trasladar que despois "as circunstancias políticas fixeron que iso cambiase".

Touriño pronunciouse deste maneira ao ser preguntado polos medios respecto diso despois de que no seo da comisión parlamentaria que investiga os contratos da Xunta durante a pandemia, co grupo Eulen e a construción do Álvaro Cunqueiro de Vigo, o PP sostivese que o bipartito expuxo un modelo público-privado para levantar ese hospital en base a dous informes que se empregaron para avaliar o modelo idóneo. Nun deles chegou a propoñerse que se constituíse unha sociedade cun 90% de capital privado e un 10% público. 

Con todo, nas súas respectivas comparecencias, as das entón conselleiras de Obras Públicas e Sanidade, María José Caride e María José Rubio, respectivamente, reduciron ambos os dous estudos a unha mera consulta das diferentes opcións dispoñíbeis e defenderon que o Goberno galego "só avaliou unha", que foi facelo a través da Sociedade Pública de Invetimentos (SPI). 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou esta cuarta feira o PP de pretender fechar "en tempo récord", antes do Nadal, a comisión que investiga no Parlamento galego os contratos da Xunta da Galiza durante a pandemia, co Grupo Eulen e o sobrecusto na construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.O líder socialista, en declaracións aos medios antes de participar nun acto en homenaxe a Fernando González Laxe, avisou de que a súa formación seguirá investigando "sen excluír ningunha posibilidade".

O PSdeG investigará os contratos "por outros medios"

Besteiro cualificou de "completo disparate" a deriva desta comisión polos "vetos" dun PP que "non está disposto a que compareza a xente que tiña que dicir algo" sobre os asuntos que se investigan. 

Ademais, o socialista lembrou que PP e BNG tentaron chegar a un acordo sobre as comparecencias "sen contar" co PSdeG e o resultado foi "unha comisión como quere, por onde quere e co resultado que quere o PP", que pasa por "non aclarar nada, que non haxa luz sobre nada".

Diante disto, afirmou que o PSdeG xa se está posicionando sobre o escenario "posterior á comisión" e que seguirá investigando. "Porque evidentemente vemos que non se resolve o que criamos que se tiña que resolver", afirmou en relación a aclarar os sobrecustos na construción do Álvaro Cunqueiro e desas contratacións relacionadas "directísimamente" con familiares de cargos do PP".

Neste escenario, sostivo que o PSdeG tratará de que se lance luz sobre estes asuntos "a través doutros medios". Besteiro concluiu que "esta comisión vai terminar como os socialistas anticipamos, como unha verdadeira comisión de disparate" sen desvelar se a súa formación acudirá aos tribunais. "Non se pode excluír nada", afirmou.