Beiras antepón a “unidade popular” ao partido instrumental que facilitaría o grupo parlamentar

[Imaxe: En Marea] De esquerda a dereita: Eva Solla, Beiras e Bescansa

O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, rexeita “rebentar” a “unidade popular” pola cuestión do partido instrumental, unha fórmula xurídica que facilitaría que En Marea tiver  grupo parlamentar propio no Congreso.

Máis un capítulo arredor do debate creado por Anova no seo de En Marea para converter a coligazón nun partido instrumental. Malia ser esta fórmula xurídica a que posibilitaría que En Marea puidese contar con grupo parlamentar propio, o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, dixo este sábado que desbota “rebentar” a “unidade popular” polo partido instrumental. “Non me dá a gana”, engadiu.

Desta maneira, Beiras prioriza a convivencia entre os partidos que forman a coligazón –EU, Podemos e Anova- á constitución dun partido instrumental. O obxectivo desta “unidade popular” pasa por “derrotar o inimigo principal”, é dicir, o PP.

Pasadas as xerais, volverá a abrirse o debate, asegura

O portavoz de Anova salientou que a cuestión do partido instrumental “non está fechada”, pois “hai cuestións que non deu tempo a resolver”. Así, pasadas as eleccións xerais volverase afondar o debate. Existe ese “compromiso”, asegurou. Lembrou que a fórmula do partido instrumental é “unha táctica xurídico-política” que “desaparece após as eleccións”. “É unha cuestión de responsabilidade”, subliñou.

Aliás, Beiras volveu fiar o grupo parlamentar a un cambio político nas Cortes. “Se a esquerda emerxente chega a ser a forza máis votada ou queda de segunda forza e ten un peso que ninguén pode negar, entón a composición da Mesa varía e garantiría que, obtendo as condicións que cumprimos nas anteriores eleccións, non se nos negue grupo parlamentar”, explicou.

"Anova non lle marca a Podemos nin a EU o que teñen que facer"

O portavoz de Anova, que asegurou que o seu partido non lle marcará a Podemos nin a EU o que teñen que facer porque “non somos déspotas”, puxo de manifesto que a traxectoria de En Marea “non remata agora” e que seguirán a traballar para se presentar estas forzas políticas xuntas nas eleccións galegas.