Entrevista

Beatriz e Mercedes, irmás do preso García Matos: "Tras o abusivo das primeiras condenas, esperamos que Antón e Asun saian absoltos"

Beatriz e Mercedes García Matos. (Foto: Nós Diario)
'Nós Diario' entrevista a familia García Matos con motivo do segundo xuízo que decorre este 15, 16 e 17 de outubro na Audiencia Nacional contra o preso independentista Antón García Matos e a presa independentista Asunción Losada Camba. O primeiro xuízo foi en 2022, con condena a 28 anos de prisión para ambos.

—Cal é a situación de privación de liberdade actual de Antón García Matos?
Mercedes García: Precisamente o 5 de setembro Antón e a súa compañeira, Asun, foron trasladados ao cárcere do Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense). Levan cumpridos máis de cinco anos das penas privativas de liberdade que lles foron impostas. Primeiro estivo nas prisións A Lama, Soto del Real e Estremera e agora xa levaba catro anos na de Teixeiro-Curtis. O traslado ao Pereiro de Aguiar foi solicitado por eles dous, por razóns familiares, e foilles concedido.

A familia mantén o propósito e a esperanza de que este sexa o último centro penitenciario onde rematen a súas condenas, tan desproporcionadas e inxustas,e poidan acceder aos beneficios que consonte a legalidade penitenciaria lles correspondan. Queremos velos fóra e en liberdade, pois sufrimos con eles a  condena que teñen que cumprir, máis cando vemos a desigualdade con outros casos.

—A que casos están a referirse?
Beatriz García: A sentenza que condena Antón é por delitos que non tiveron resultado algún de danos nas persoas e, segundo a mesma, o seu obxectivo era alterar a orde constitucional e política. Porén, observamos como noutros casos de condenas por delitos que parecen máis graves nese mesmo ámbito, estanse a conceder beneficios penitenciarios, indultos e amnistías pola capacidade política e social deses movementos. Por iso nós tamén demandamos a aplicación deses beneficios para o noso irmán, cos mesmos dereitos de tratamento e igualdade. 

—Cal é na actualidade a súa condena?
M.G.: Tanto Antón como Asun están condenados a 28 anos e seis meses, cun límite de pena de 20 anos. A nós pareceunos e segue a parecernos unha barbaridade condenar unha persoa que non provocou dano algún, nin a máis mínima lesión a persoas, a 28 anos de privación da súa liberdade; por riba, se o comparamos con outros casos similares, con penas de prisión moito máis benévolas e con cumprimentos efectivos moito mais laxos.

Achamos que non tiveron un xuízo coas máis elementais garantías e o seu dereito fundamental á defensa non foi efectivo, pois, asumindo a súa actividade, non nos explicamos  que, non existindo danos nas persoas, non existindo xa daquela ningunha organización armada ou terrorista na Galiza desde había anos nin tampouco actividade de organización ningunha de índole violenta, a condena fose tan desproporcionada.

—A que se refiren cando falan de ausencia de garantías no xuízo?
B.G.: Sería moi extenso de explicar todos os detalles, mais, a modo de exemplo, dicir que o noso irmán, nun contexto excepcional de pandemia, e  sabido o especial do Tribunal, dinos que non puido comprender en toda a súa dimensión as penas privativas de liberdade que aceptaba e os propios límites que das mesmas estabelece o Código Penal.

 

Descoñecía que a propia Audiencia Nacional daba por extinguida Resistencia Galega desde 2014 e que o Tribunal Supremo sentenciara que era unha organización incipiente e que, por tanto, só podían ter condenas nos seus mínimos. Tamén  despois  de asumir unha condena tan desproporcionada, foi cando coñeceu que lle quedaba este xuízo por estragos terroristas no que lle piden 15 anos de prisión. Sufrimos toda esta situación como unha crueldade e un disparate xurídico para Antón.

—En que consiste este novo procedemento e cal é a expectativa da familia ante este novo xuízo?
M.G.: Neste xuízo trataranse os sucesos acaecidos no concello de Baralla no ano  2014. Acúsanos dun delito de estragos terroristas. As defensas de Antón e Asunción, pois os dous van ser xulgados, infórmannos das garantías legais vixentes que debían protexelos para alcanzar unha resolución favorábel e absolutoria neste proceso, atendendo a razóns de legalidade que nós  non podemos explicar xuridicamente.

Non obstante, o sentido común dinos que as condenas tan desmesuradas que lles impuxeron no primeiro xuízo debían abranguer os feitos polos que agora son novamente xulgados, xa que tampouco son acusados como autores directos do atentado.
Por iso, logo de vivirmos a situación con indignación polo abusivo das primeiras condenas, vemos con sorpresa e rabia a apertura dunha nova causa despois ter feito un acordo coa Fiscalía. E temos a esperanza de que haxa unha sentenza favorábel e saian absoltos.

Como ve a familia o futuro próximo?

"O noso irmán xa leva cumprido un cuarto da condena efectiva, e polo tanto, xa tería dereito aos beneficios penitenciarios correspondentes e á aplicación doutras medidas alternativas ao cárcere. Por tanto, agardamos que se respecten os seus dereitos e apelamos á responsabilidade dos partidos políticos, organizacións sociais e persoas, que no noso pobo defendan a xustiza e os dereitos humanos, para que apoien e demanden  a aplicación da lei en igualdade con outros casos semellantes", sinala Mercedes García Matos nesta entrevista concedida a Nós Diario.