O dirixente nacionalista Bautista Álvarez será lembrado máis unha vez o 19 de setembro

Bautista Álvarez dirixíndose aos asistentes á segunda marcha contra central nuclear de Xove -na Mariña- que decorreu o 20 de maio de 1979.

A Unión do Povo Galego (UPG) e a Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas organizan esta sexta feira 19 de setembro os actos de homenaxe do histórico dirixente nacionalista Bautista Álvarez en San Cibrao das Lás, no concello de San Amaro, na comarca do Carballiño.

O 16 de setembro de 2017 falecía Bautista Álvarez, cofundador, dirixente e presidente da Unión do Povo Galego durante décadas. Coincidindo co oitavo cabodano do seu pasamento, o seu partido e a Fundación Terra e Tempo lembrarán esta figura chave do capítulo contemporáneo do nacionalismo galego, que coa súa traxectoria  exemplificou a vontade de ser e de existir da Galiza como nación.

A súa traxectoria explica os esforzos por erguer un movemento político socialmente activo, cun corpo doutrinal á altura dos tempos e con vontade de transformar a realidade galega. Nesta dirección, son de relevo as súas achegas no plano ideolóxico como membro dunha xeración que creou as primeiras organizacións políticas galegas após 1936 e que elaborou, partindo de Castelao, a proposta teórica sobre a que se articula o nacionalismo galego desde os anos 60 até hoxe.  

Álvarez, cofundador tamén do BNG, membro da súa dirección e deputado en varias lexislatura foi, sobre todo, un militante nacionalista, que fixo do servizo á causa dunha Galiza dona dos seus dereitos a razón de ser da súa existencia. Neste sentido, padeceu cárcere durante a ditadura en diversas ocasións, sufriu torturas, viviu incomprensións e desercións, discrepou, argumentou e debateu con paixón mais viviu e morreu co convencemento de estar situado no lado correcto da historia.

Ofrenda floral e homenaxe no cemiterio San Cibrao das Lás

Os actos de lembranza a Álvarez comezarán o 19 de setembro ás 17:30 horas no cemiterio San Cibrao das Lás, as sua parroquia natal e onde respousan os seus restos. Alí, tomará a palabra o veterano nacionalista Xesús Sanxúas Formoso, quen partillou co homenaxeado responsabilidades na dirección da UPG durante a ditadura franquista e mantivo unha relación de amizade durante máis de 50 anos. Sanxúas fai parte daquela xeración de mozos e mozas que se ligaron á loita nacionalista a mediados da década dos 60 a través da loita cultural e xogaron un papel decisivo no combate contra o fascismo.

Sanxúas, activo membro da agrupación cultural O Galo da que foi directivo na década de 1960, incorporouse á UPG en 1966, sendo un dos dirixentes estudantís máis destacados nas protestas acontecidas na Universidade de Compostela en marzo de 1968, o que provocou a súa expulsión da mesma. Un ano máis tarde, após as caídas da UPG producidas con motivo do estado de excepción de 1969, onde resultou detido, asumiu a máxima responsabilidade do partido no interior da Galiza, aproveitando para o seu labor clandestino a súa actividade profesional como comercial da empresa discográfica Edigsa.

O papel de Sanxúas

O papel de Sanxúas foi de relevo na organización do nacionalismo na zona de Ourense. Alí, con Laura Sarmiento e Francisco Rodríguez conformou á volta de 1971 un núcleo organizado da UPG, que desenvolveu diversas actividades, comezando pola oposición ao encoro das Portas e seguindo en marzo de 1972 coa realización dunhas pintadas en solidariedade cos obreiros asasinados en Ferrol que remataron coa detención de Francisco Rodríguez e a o seu posterior encarceramento na prisión da Coruña, onde volveu ser recluído en 1989.  

A xornada de recordo a Álvarez deste ano ten unha significación especial para a UPG por coincidir co 60 aniversario do inicio da loita contra o encoro de Castrelo de Miño e co 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras. Álvarez e Sanxúas traballaron conxuntamente na oposición á central hidráulica de Fenosa e os dous compartiron militancia con Reboiras, que durante unha tempada residiu na casa de Sanxoás e da súa compañeira, a tamén militante nacionalista Luz Rei. Esta vivenda serviu de acubillo en 1975 á varios integrantes da fronte militar da UPG.

"Debate Aberto"

Os actos de homenaxe a Álvarez continuarán as 18:30 co "Debate Aberto", un espazo para a análise política e a discusión que será introducido por Montserrat Prado Cores, vicepresidenta segunda do Parlamento da Galiza e integrante do Secretariado Político da UPG. O debate centrarase nesta edición na "Coincidencia e diverxencia das estratexias nacionalistas no Estado español". Nesta dirección, algúns dos eixos do debate serán a forma de integración no Estado español  de cada unha das nacións e as súas consecuencias, o nivel conciencia nacional de cada nación, a orientación e contido dos respectivos nacionalismos no contexto europeo e mundial e a especificidade galega.