O CIS eleva o PP case tres puntos por riba do PSOE e dá ao BNG unha repunta de dúas décimas nun mes

Estimación de voto do CIS de marzo para as eleccións estatais.
Os 'populares' sacan ademais cinco puntos aos socialistas en voto xa decidido, cun 25,2% polo 20,8% dos socialistas.

O último Barómetro de opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), correspondente ao mes de marzo, o primeiro tras a primeira votación da Lei de Amnistía no Congreso, o estalido do 'caso Koldo' e as eleccións galegas, eleva de novo o PP á primeira posición con case tres puntos de vantaxe sobre PSOE, rompendo o empate técnico do mes anterior, con até 34% dos sufraxios.

Os socialistas ficarían, segundo a estimación de voto do CIS, a 2,7 puntos da formación que lidera Alberto Núñez Feixoo, cun total de 31,3%. Os 'populares' sacan ademais cinco puntos aos socialistas en voto xa decidido, cun 25,2% polo 20,8%. Pola súa parte, Vox escala ata a terceira praza e anota unha estimación de voto de 9,9%, por diante do 9,2% de Sumar, que cae da terceira praza.

 

Aliás, con base na mesma enquisa, o BNG experimenta unha importante repunta en comparanza co barómetro de febreiro, pois pasaría do 0,7% de sufraxios totais —sobre o conxunto do Estado español— a un 0,9%, dúas décimas máis, a mesma porcentaxe que o CIS dá ao PNV, e até tres décimas por riba do resultado dos comicios estatais de 2023.

Tomando como referencia o anterior barómetro, Podemos cede sete décimas e fica cun 2,2% dos apoios, só tres décimas por riba da sexta formación en estimación de voto, ERC (1,9%). Inmediatamente despois situaríase Junts, con 1,2% dos apoios, 0,1 puntos máis que EH Bildu, que no último mes sobe tres décimas nos estudos do CIS.

Após as formacións nacionalistas preséntase, como undécima en sufraxios, o Pacma (0,7%), unha décima máis que en febreiro, mentres Coalición Canaria medra na mesma proporción, até o 0,2%, e fecha a listaxe UPN, co mesmo 0,1% que no mes anterior. Habería tamén 2,1% de votos en branco e até 4,3% de papeletas para outros partidos políticos.