A Audiencia Nacional xulga esta semana o narco Marcial Dorado, o amigo de Feijóo

A persoa coa que o presidente da Xunta compartía iate terá que facer fronte ás acusacións de branqueo de capitais procedente do tráfico de drogas. O escrito do fiscal asegura que Dorado dedicábase aos estupefacientes dende os anos 90, que é cando compartía amizade con Feijóo.

dorado
photo_camera Dorado e Feijóo

A Audiencia Nacional xulgará esta semana -na quinta feira- ao narcotraficante galego Marcial Dorado, a persoa fotografada nun iate xunto ao presidente da Xunta de Galicia Alberto Nuñez Feijóo nos anos noventa, cando este último xa tiña responsabilidades públicas. A Fiscalía Antidroga acusa a Dorado, xunto a outras 15 persoas, de branquear diñeiro procedente do tráfico de drogas a través dun entramado de sociedades.

A Fiscalía Antidroga pide 21 anos de prisión para o traficante e antigo compañeiro de lecer de Feijóo pola comisión de delitos de branqueo de capitais, violación de segredos e contra a Facenda Pública. Asegura no seu escrito provisional de acusación que Dorado e outros membros da súa organización "constituíron empresas en España, Portugal e Marruecos e sociedades 'off shore' en Panamá, Belice e as Illas Virxes e colocaron o diñeiro procedente da venda de estupefacientes en contas en Suiza".

Segundo o escrito do fiscal, Dorado adícase ao tráfico de drogas desde os anos 90, cando era amigo de Feijóo, que aínda así negou saber nada sobre as actividades de aquel con quen compartía iate e viaxes "á neve", malia que era moi coñecido xa naquela época e mesmo se lle relacionara co narcotráfico e o contrabando nalgúns medios de comunicación.

Dorado foi detido en Vilagarcía en novembro de 2003 e condenado en 2009 a 10 anos de cárcere por tráfico de drogas.

Comentarios