A lección da Dina: o Goberno español poderá frear as subas abusivas de prezos en situacións de emerxencia
O Consello de Ministros español aprobou este 10 de febreiro un real decreto-lei que permitirá ao Goberno español poñer un tope aos prezos de servizos ou produtos nunha situación de emerxencia que altere de forma excepcional a oferta e a demanda. Unha medida para evitar abusos aos consumidores en situacións de emerxencia como a DANA, os incendios ou o accidente de tren de Adamuz.
Trátase dunha normativa elaborada polo Ministerio español de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, e proposta polo seu titular, Pablo Bustinduy, que modifica o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios para incorporar un límite máximo de prezos nesas situacións de emerxencia con carácter extraordinario.
Bustinduy explicou, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, que o obxectivo desta modificación lexislativa é reforzar a protección dos consumidores ante posíbeis abusos en situacións de emerxencia, como os denunciados por varias asociacións de consumidores en catástrofes recentes como a dana do país Valencià, os incendios de 2025 ou, máis recentemente, o accidente de tren en Adamuz (Córdoba).
Desta forma, o Goberno español terá a potestade de topar o prezo dun servizo ou produto cando declare unha situación de emerxencia, fixando que o prezo non poderá ser superior ao prezo máximo que tivo este servizo ou produto nos 30 días naturais anteriores ao comezo desta situación.
Ademais, esta normativa introduce un mecanismo de tope adicional, estabelecendo que se o prezo máximo que tivo un servizo ou un produto neses 30 días previos fose superior en máis dun 50% ao prezo medio nese mesmo período, a referencia para topar un prezo pasará a ser o prezo medio dos 30 días máis un 50%.
Alén das declaracións de emerxencia
Por outra banda, o real decreto-lei especifica que as situacións nas que poderán toparse os prezos non só serán aquelas declaradas como de emerxencia de protección civil, senón tamén aquelas que determine o Consello de Ministros, que será o único órgano capacitado para facelo.
A limitación de prezos poderase activar, ben xunto a unha declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, ou tamén noutros supostos como accidente, emerxencia técnica, forza maior ou outras circunstancias sobrevindas non imputables ás persoas usuarias, e determinarase mediante acordo do Consello de Ministros.
O texto sinala, ademais, que ese acordo deberá precisar, como mínimo, unha data de inicio e fin para os servizos ou produtos afectados, e a referencia aplicábel para limitar prezos.
En paralelo, o texto contempla que, para bens ou servizos con marcada estacionalidade, pódese tomar como referencia o prezo do mesmo período no ano anterior, actualizado conforme ao IPC.

