Así serán as Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores: a Deputación da Coruña impulsa un novo modelo de residencias
A Deputación da Coruña impulsará un novo modelo de residencias, as Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM), que contarán cun máximo de 59 prazas divididas en catro unidades de convivencia, con 14 ou 15 residentes e que "reproducen un fogar" e están "abertas á contorna".
Así o expuxo esta sexta feira o presidente da entidade, Valentín González Formoso, durante a presentación deste novo modelo de residencias que estarán situadas en Rianxo (O Barbanza), Ordes e As Pontes (O Eume) e que espera que se empecen a construír "no primeiro semestre de 2026".
No acto, estivo acompañado polo vicepresidente, Xosé Regueira, e a deputada de Política Social, Mar García, así como polo médico xeriatra Miguel Ángel Vázquez. Trátase, explicou, dun "gran de area" ante "o envellecemento da poboación e a escasa cobertura do sistema público" para apuntar que "se necesitan preto de 5.000 prazas na Galiza".
Na mesma liña, Regueira criticou que, na actualidade, "hai poucas unidades asistenciais e as privadas son practicamente impagábeis para a maioría das persoas deste país". O vicepresidente recalcou tamén que estes centros serán "máis humanos, con menos persoas e mellor atendidas".
Pola súa parte, Miguel Ángel Vázquez sinalou que é un "modelo de atención centrado na persoa" que provén dos países nórdicos e que xerará "40 empregos directos" en cada centro. Ademais, concretou que terán espazos propios, cociña, zonas comúns, cuartos individuais ou dobres con baño propio e un equipo profesional para o coidado permanente das usuarias.
Tecnoloxía de vangarda
Os centros incorporarán tecnoloxía asistencial de vangarda, como sensores de presenza e confort ambiental, sistemas de prevención de caídas, localización intelixente, monitores biométricos, telemedicina en especialidades como cardioloxía ou neuroloxía, dispositivos wearables (que se levan postos), robótica de apoio e ferramentas de rehabilitación física e cognitiva.
