A Alianza Social Galega,constituída por case sesenta organizacións sindicais e sociais, aprobou por unanimidade unha declaración de apoio á folga xeral do vindeiro 14 de novembro. Consideran que as políticas neoliberais que están a aplicar os gobernos galego e español desmantelan o modelo do benestar e levan a cidadanía a un "empobrecemento masivo" e, polo tanto, a unha sociedade "máis inxusta e menos igualitaria".
Na declaración, a ASG manifesta que se súma á Folga Xeral do vindeiro 14 de novembro por partillar os seus obxectivos, entre os que cabe sinalar "o rexeitamento á reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas pensións e prestacións sociais, a deterioración e privatización dos servizos públicos, a suba do ive, a amnistía fiscal a quen defrauda ou o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos".
As organizacións que conforman a Alianza Social Galega afirman que hai "razóns de abondo" para secundar a xornada de paro do 14 de novembro, e fan un chamamento á cidadanía a participar activamente na mesma.