A oposición denuncia as contradicións do PP en Galiza e Madrid

As preferentes, o naval, os impostos á banca ou a revalorización das pensións. Núñez Feijóo escapou ás preguntas da oposición que exixiron á Xunta de Galiza unha política "autocentrada" que vele polos intereses de Galiza "e non da oligarquía madrileña". 

Alfonso Rueda e Núñez Feijóo na Cámara
photo_camera Alfonso Rueda e Núñez Feijóo na Cámara

A estratexia de Alberto Núñez Feijóo desde 2010 é sinxela. Non comparecer para alén do exixido polo regulamento da Cámara. Rebater as acusacións invocando a pantasda da xestión de gobernos pasados. Enlearse en cifras e datos dificilmente contrastábeis no debate e, sobre todo, facer valer a maioría do seu partido na Cámara para todo o demais.

Os grupos da oposición tiveron máis unha vez esta cuarta feira oportunidade de interpelar ao presidente da Xunta de Galiza en sesión plenaria ordinaria. Feijóo pola súa banda, tirou de estratexia e fuxiu de dar resposta ás preguntas formuladas polas portavocías de BNG, PSdeG e AGE que procuraron deixar en evidencia as contradicións do Partido Popular no Congreso español e o Parlamento galego. Aliás, teimaron en desmentir o discurso defendido polo líder do executivo ao que acusaron de continuar a "vender os mundos de Yupi". 

O PPdeG rexeitou en Galiza a quita ás estafad@s polas preferentes e dixo apoiar o sector naval. Logo en Madrid votou a favor da quita e contra a construción do dique flotante en Ferrol

"Feijóo terá que explicar por que votou aquí en contra da quita e logo apoiou a lei aprobada por Rajoy" aseguraba un deputado socialista na sesión decorrida a pasada terza feira a respecto do calote das participacións preferentes e subordinadas. Logo de apoiaren no Parlamento de Galiza unha proposición encamiñada a rexeitar a quita ás persoas estafadas pola fraude das preferentes @s deputad@s galeg@s do Partido Popular no Congreso español votaban a favor desa mesma quita. Así llo lembraron os grupos da oposición a Núñez Feijóo, que para alén de presidente da Xunta exerce tamén como líder d@s populares de Galiza. 

"Aqui din defender o dique [flotante] e en Madrid votan en contra", espetáballe o voceiro parlamentar do BNG. Francisco Jorquera deulle leitura a unha resposta escrita presentada polo propio goberno español en que aseguraba, aliás, "non ter constancia" de que a Xunta solicitase ter "unha entidade financeira territorializada" malia a insistencia do executivo de Núñez Feijóo por loubar a súa loita polo mantemento de NGB en Galiza. 

"Se non asume as súas responsabilidades dimita porque non é digno de ser presidente deste país", exixiu o nacionalista perante as respostas de Alberto Núñez Feijóo que recuncaba nas acusacións como escudo ás denuncias presentadas polo deputado do BNG. " O seu independentismo non o queren os traballadores" aseguraba o presidente da Xunta sen vir moito a conto. 

Comentarios