Arrimadas chama a Feixoo para insistir nunha “coalición constitucionalista” no 5-A

O candidato do PPdeG mantén "abertas" as listas a dirixentes e cargos de Cs na Galiza.

Inés Arrimadas

A chamada que Inés Arrimadas (Ciudadanos) anunciara que realizaría ao presidente da Xunta e líder do PP galego, Núñez Feixoo, para desbloquear as negociacións sobre unha posíbel coalición electoral para Galizaproduciuse esta cuarta feira, aínda que só serviu para ratificar as posturas de ambos dirixentes.

Feixoo desvelouno ante os medios de comunicación tras un acto en Santiago, onde asegurou que reiterou a súa postura á dirixente de Cs e que espera que esta comprendese "as súas razóns". O líder do PP galego rexeita unha coalición co partido laranxa nas eleccións galegas, pero mostrouse partidario de seguir falando e de avanzar no "entendemento".

"Ás veces sumar cousas non comúns e en parte dispares non produce unha suma neta, senón outra operación que non interesa. (...) As portas seguen abertas até o 1 de marzo, que se pechen as listas", remarcou Feixoo, cuxa formación mantén na Galiza que estaría disposta a integrar nas súas candidaturas aos comicios do 5 de abril a dirixentes de Ciudadanos, incluso identificándoos como independentes.

Fontes de Ciudadanos consultadas por Europa Press confirmaron a chamada e incidiron en que Arrimadas explicou a Feixoo a súa proposta para Galiza: "unha coalición gañadora constitucionalista para que non se perda ningún voto e non se poña en perigo o goberno constitucionalista por un puñado de votos como xa ocorreu no pasado nesta comunidade".

Ambos os dirixentes, engade Cs, estiveron de acordo en "seguir traballando para tentar chegar a un acordo".

Comentarios