Arbo, As Neves, A Cañiza e Crecente aproban o protocolo para crear a Eurocidade do Miño
Os plenos dos concellos de Arbo, As Neves, A Cañiza e Crecente aprobaron o protocolo para a creación da Eurocidade do Miño da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal -xunto coa vila lusa de Melgaço-, que xa remitiron á Xunta. .
Coa creación desta Eurocidade teñen como finalidade incrementar os beneficios do traballo en equipo entre as cinco institucións promovendo a cooperación entre os dous países veciños.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, destacou que a cooperación transfronteiriza é un dos medios "máis eficaces" de cara a achegar as poboacións fronteirizas, "eliminando as dificultades que implican todas as fronteiras, fomentando a economía, a sociedade e a cultura da poboación destas rexións, e a promoción da amizade e da paz".
Coa sinatura do protocolo, unha vez obtido o informe favorábel do Ministerio de Asuntos Exteriores, os concellos comprométense á colaboración e ao intercambio de información, coñecementos e experiencias, especialmente en temas que afecten ao deporte, á cultura, ao patrimonio, á promoción, ao emprego, á política social e turismo, así como a favorecer o traballo conxunto promovendo a participación dos asinantes en encontros, congresos e actos similares.
As Eurocidades
As Eurocidades nacen da vontade común de concellos ligados historicamente, en todos os ámbitos da sociedade, mais que pertencen a Estados da Unión Europea diferentes. Entre as vilas que as compoñen desenvólvense acordos que permiten partillar servizos de interese local, así como elaborar plans conxuntos que potencien a cooperación institucional, económica, social, cultural e ambiental, co fin de acadar unha promoción conxunta.
A posta en valor do patrimonio é un dos principais eixos sobre o que xiran as Eurocidades galego-portuguesas, sendo o Miño de grande importancia ao considerarse, en ambas as beiras do río, un elemento de identidade do territorio.

