A arbitrariedade do Xacobeo
O Xacobeo de 2021 foi a grande aposta “cultural” de Alberto Núñez Feixoo no último discurso do estado da nación. Logo de anos de atonía na política cultural, agora parece fiala a un macroevento máis dirixido ás grandes cifras turísticas que á dinamización dos tecidos de base. Analistas do fenómeno temen unha nova mostra de espectáculo e desbaldimento sen apenas repercusión real na cultura de Galiza. Eis un extracto da reportaxe que publicamos ao respecto no número 318 de Sermos Galiza.
Malia a nebulosa en que se moveu o presidente da Xunta, experiencias anteriores -este será o quinto Ano Santo desde 1993, o punto de inflexión para o que, desde entón, é un macroevento máis ou menos cultural- e as súas propias palabras indican as coordenadas en que acontecerá. “Sen saber máis nada do tema, presupoño que o presidente ten toda a razón”, ironiza Anxo Rabuñal, comisario artístico independente, editor e libreiro, “e que o Xacobeo do 21 vai ser ‘histórico’ e ‘o mellor da historia’. Un reducido grupo de incompetentes vai tomar decisións sobre unha enorme cifra de euros, unhas poucas empresas van realizar centos de eventos idénticos aos de ducias de cidades de Europa, e que provocarán milleiros de conexións aéreas con milleiros de persoas que comerán, beberán e pernoctarán. A cultura é unha coartada hostaleira”.
A arbitrariedade do gasto institucional e a interpretación do concepto de cultura apenas con lentes economicistas é unha preocupación que Rabuñal comparte co catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago José Carlos Bermejo Barrera. “Un ano Xacobeo non serve culturalmente para nada, é só un negocio, un desbaldimento de cartos públicos”, afirma contundente a Sermos Galiza. O profesor afondou criticamente nas orixes do mito apostólico e nas súas derivadas político económicas contemporáneas en libros como Para que serve a historia de Galiza? (2007) ou Os señores da mentira (2012).
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 318 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]